Opinión

50 anos do pasamento de Vicente Risco

Hai 50 anos, o 30 de abril, faleceu Vicente Risco. Ao longo destes 50 anos, a súa figura foi analizada dende estereotipos como o do prólogo que, de forma “cuasi” dogmática, se lle fixo nun libro de Manuel Lugrís editado pouco antes do seu pasamento.

Hai 50 anos, o 30 de abril, faleceu Vicente Risco. Ao longo destes 50 anos, a súa figura foi analizada dende estereotipos como o do prólogo que, de forma “cuasi” dogmática, se lle fixo nun libro de Manuel Lugrís editado pouco antes do seu pasamento.

"Son 50 anos nos que o católico don Vicente pasou un purgatorio, cando non un inferno, na desconsideración, cando non desprezo, por parte de intelectuais que, aló menos iso semella, descoñecen a obra de Risco". 

A traxectoria vital e intelectual de don Vicente é diseccionada e simplificada en tres fases: prenacionalista (o Risco snob e novo) – nacionalista (o Risco pleno) – posnacionalista (o Risco decadente). Semella unha visión propia da historiografía “Toymbiana” na que os pobos, as nacións e as culturas, neste caso o home, crece, acada a plenitude e decae. O propio Risco, “Spengleriano” el, non estaría moi conforme con esta simplificación da súa persoa, e moito menos do seu pensamento. Xa saben vostedes que Spengler, como o autor de Las Tinieblas de Occidente, cría no sentido cíclico dos pobos. Un sentido cíclico que permite crer no rexurdimento do pobo galego como entidade propia nunha Galiza dona de seu. Pola contra, as teses “toymbianas” dan por mortas as esperanzas nun futuro. Escollamos.

Son 50 anos nos que o católico don Vicente pasou un purgatorio, cando non un inferno, na desconsideración, cando non desprezo, por parte de intelectuais que, aló menos iso semella, descoñecen a obra de Risco. Queremos crer por falta de tempo, e non de capacidade intelectual, para reflexionar sobre o que el escribiu, ou sobre o que nós propios escribimos. Só así  podemos entender que se lle critique por escribir nun xornal en castellano nuns tempos nos que os xornais só eran en castellano. O máis curioso, esa crítica faise desde a edición galega dun xornal madrileño, na que o seu autor, se quixer, podería telo escrito en galego. É un exemplo.

"Pensamos que son chegados os tempos nos que Vicente Risco, cos seus múltiples defectos, propios do ser humano, ocupe o posto de relevancia que se merece entre aqueles que deseñaron unha Galiza dona de seu". 

Xulgamos a don Vicente recorrendo a simplificacións de relacións enfrontadas entre contrarios, - ou branco ou negro-, que en nada se aproximan a súa cosmovisión baseada no principio da interrelación e complementariedade entre contrarios, o “ying e o yang”. Soamente así entenderemos que xentes á sinistra do católico e conservador don Vicente, frecuentasen a súa tertulia. 

Pensamos que son chegados os tempos nos que Vicente Risco, cos seus múltiples defectos, propios do ser humano, ocupe o posto de relevancia que se merece entre aqueles que deseñaron unha Galiza dona de seu. 

Hai uns días, facendo unhas xestións para Fundación Vicente Risco, unha persoa desas que os políticos denominan “do común” díxome: “Vicente Risco, tan entendido el e tan pouco entendido”.

Comentarios