Opinión

O 25 xa foi

O 25 xa foi, e todos satisfeitos, euforicamente satisfeitos, da resposta que a cidadanía galego deu ao chamado pola unidade.

O 25 xa foi, e todos satisfeitos, euforicamente satisfeitos, da resposta que a cidadanía galego deu ao chamado pola unidade. A xenerosidade das organizacións políticas de renunciar a actos propios no que é ideal común, - a reivindicación de Galiza a ser dona de seu -, e deixar para os ámbitos particulares o que diferenza uns dos outros, pon de manifesto que son máis as coincidencias cas diverxencias. E estas, como sociedade aberta e plural que é a galega, son non só boas, senón que tamén necesarias.

"Cómpre traballar dende xa para presentar a esa mesma cidadanía un programa de reivindicacións que os representantes galegos deberán defender nas Cortes do Estado".

Mais o 25 xa foi, e cómpre traballar dende xa para presentar a esa mesma cidadanía un programa de reivindicacións que os representantes galegos deberán defender nas Cortes do Estado. Un programa liderado por ese Grupo Galego, e que os deputados e senadores galegos doutras organizacións non lles quedase outra que defender e apoiar, aínda en contra do criterio estatalista dos seus partidos. 

Capacidade de decisión sobre a organización do territorio e explotación dos nosos recursos económicos. Que a riqueza que xera Galiza tribute en Galiza. Articulación de medidas que revitalicen e potencien o noso rural e o convertan no motor económico e demográfico que nunca debeu deixar de ser. Non inxerencia do estado naquelas competencias que lle son exclusivas a Galiza e consecuente desaparición dos ministerios correspondentes, sendo substituídos por comisións territoriais que poderían dar sentido a un Senado que o se converte en Cámara de representación Territorial ou non ten razón de ser. Recoñecemento a nivel estatal e nos organismos internacionais do galego como idioma oficial. Son algúns puntos que, sen parar a pensar, penso aceptaría calquera que apoiase un GRUPO PARLAMENTARIO GALEGO.

"E unha vez definido o programa, centrado nas reivindicacións de Galiza e na súa relación co Estado, elixir quen nos represente esquecendo a adscrición partidaria. Fuxindo das cotas"

E unha vez definido o programa, centrado nas reivindicacións de Galiza e na súa relación co Estado, elixir quen nos represente esquecendo a adscrición partidaria. Fuxindo das cotas. Pensando en homes e mulleres que teñan a formación necesaria para afondar unha lexislatura que, esperemos, supoña un remodelación total das estruturas do Estado e a desaparición desa España carpetovetónica que lle fai mal até a ela mesma. E amor, moito amor por esta nosa Terra. Mais iso, seino, temos a esgalla todos os que vivimos o pasado 25 de xullo.

Comentarios