Opinión

Sen xustiza non hai democracia

 

Sen un sistema xudicial independente non pode haber unha democracia digna de tal  nome. A baixa calidade democrática do estado español ten moito a ver coa creba do sistema xudicial, coa súa natureza intrinsecamente centralista, clasista e machista, e coa súa subordinación aos poderes político e económico.

 

Vivimos un proceso regresivo e represivo, de involución en materia de dereitos e liberdades, de persecución do pluralismo que ten un dos máis sólidos baluartes no sistema xudicial. Se ben nos últimos tempos esta dinámica pareceu recrudecerse –a raiz do desafío soberanista catalán- a realidade é que se trata dunha corrente de fondo que funde as súas raíces na conformación do rexime monárquico-constitucional e na pesada herdanza recibida da Ditadura.

 

A propia existencia e competencias da Audiencia Nacional, configurado como órgano xurisdicional de excepción, ten a súa orixe no tamén excepcional e represor Tribunal de Orde Público franquista.  Con este deseño, non resulta extraño que sexa este tribunal quen máis se significa na represión ideolóxica, na falta de respecto a dereitos e liberdades fundamentais,  e na defensa ultraortodoxa das esencias patrióticas españolas.

 

Vivimos un proceso regresivo e represivo, de involución en materia de dereitos e liberdades, de persecución do pluralismo que ten un dos máis sólidos baluartes no sistema xudicial.

 

As reiteradas sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), condenatorias do Estado español, teñen a súa orixe en resolucións xudicais tanto da Audiencia Nacional como do Tribunal Supremo que violan a Convención Europea dos Dereitos Humanos. Se a sentenza sobre a condena de cárcere e multa a dous mozos cataláns por queimar un retrato do rei foi un alegato en defensa da liberdade de expresión e do dereito á discrepancia e á crítica política, sen a cal non hai democracia, o recente fallo do TEDH sobre a falta de garantías no xuízo do caso Bateragune -no que foron condenados a penas de cárcere Arnaldo Otegi e outros catro dirixentes da esquerda abertzale- pon en evidencia a subordinación do sistema xudicial español a designios e decisións políticas.

 

Os recentes e reiterados pronunciamentos por parte de diversos sistemas xudiciais europeos (Bélxica, Alemaña, Suíza, Escocia....)  en relación con procedementos abertos contra dirixentes políticos cataláns pon o Estado español ante a realidade da interferencia política e da falta de independencia do poder xudicial. E a situación de prisión preventiva e as peticións de penas da fiscalía agrandan aínda máis o abismo antidemocrático no que está sumida a administración de xustiza española.

 

Un abismo transitado a diario tamén por unha xudicatura que produce declaracións e resolucións machistas, e que reproduce as posicións de poder e de dominación do patriarcado. Unha xustiza en definitiva que na revisión do veredicto sobre as hipotecas deixou claro, por se había algunha dúbida, a que intereses serve.

Comentarios