Opinión

UE, militarismo e xenofobia

O nacionalismo galego tivo desde as súas orixes unha decidida vocación europeísta, internacionalista e solidaria. Esa é a herdanza recibida do galeguismo aberto ao mundo que practicaban Plácido Castro, Lois Tobío ou Castelao, nos tempos en que Galiza obtivo o recoñecemento como nación europea por parte da Sociedade das Nacións.

Mais europeismo non é o mesmo ca europapanatismo. O nacionalismo galego nunca participou da sacralización da UE, convertida en quintaesencia da democracia, da liberdade, da fraternidade e do progreso universal.

O nacionalismo galego sempre foi crítico con unha UE que nos nega como pobo, que afoga os nosos sectores económicos estratéxicos  e que impón políticas inxustas e insolidarias. Non celebramos esta UE que ergue muros físicos e mentais e que abandona millóns de persoas condenadas á súa sorte nos campos da vergoña de Turquía e Grecia. Miles de persoas abandonadas á súa morte na inmensa foxa común en que convertiron o Mediterráneo. 

Persoas anónimas, cifras nunha estatística brutal de morte e desamparo, homes e mulleres desprovistas de identidade, espidas de soños e de esperanza, cautivas das mafias nos campos de tortura libios, expulsadas das súas terras por guerras e expolios nos que ten moita responsabilidade o chamado mundo occidental. 

Non celebramos esta UE que ergue muros físicos e mentais e que abandona millóns de persoas condenadas á súa sorte nos campos da vergoña de Turquía e Grecia

 

Non nos sentimos parte desta Europa mercenaria da OTAN e dos EEUU. Unha UE que presume de ser berce da civilización, da democracia e o do respecto aos dereitos humanos mentres alimenta a pantasma noxenta do odio e a xenofobia, o mostro nefando do medo ao diferente, ao extraño. Unha Europa que perdeu a memoria de si mesma, da súa diáspora, dos seus éxodos e dos seus exilios e das terras que noutro tempo foron xenerosas patrias de acollida.

Fronte a un xigantesco desafío humanitario, Europa reacciona pechando as fronteiras, construindo muros tan horrendos como o que encarcera o pobo palestiniano e o que planea Trump entre EEUU e México. Ideando campos de internamento na outra beira do Mediterráneo, multiplicando por vindedous o gasto militar para atender as ordes do aliado americano, alimentando a rapina e o intervencionismo en África e en Oriente Medio.

A creba democrática, a crise do dereito internacional ten agora unha nova faciana na anunciada reforma eleitoral que pretende o silenciamento das voces críticas e insubmisas que veñen das nacións sen Estado. 

A crise do dereito internacional ten agora unha nova faciana na anunciada reforma eleitoral que pretende o silenciamento das voces críticas e insubmisas que veñen das nacións sen Estado

 

Cómpre pois facerlle fronte a esta nova ameaza ao pluralismo e á diversidade, combater con argumentos, con sentimentos e con determinación esta UE monolítica, reaccionaria, violenta, inhumana e inxusta.

Comentarios