Opinión

República galega

O 27 de xuño de 1931 proclamábase en Compostela a República Galega. Foi un estadio efémero da historia de Galiza, mais a semente dun tempo que haberá de chegar para que a nosa terra conquiste a verdadeira liberdade.

Porque unha Galiza ceibe e soberana non cabe na camisa de forza da Monarquía Constitucional española. Non cabe no corsé dunha institución arcaica, antidemocrática, machista e  antigalega. Non cabe nas feituras dunha institución e dun rexime que simboliza a alianza dos grandes poderes económicos, do exército, do aparato do Estado para perpetuar un sistema político e económico inxusto, cruel, corrupto, que nos nega como nación, que afoga a nosa economía e expolia os nosos recursos e os nosos dereitos, que condena á precariedade e á miseria a centos de miles de persoas.

Fronte a esta pseudodemocracia degradada, fronte a esta monarquía parlamentaria podre, o que de verdade precisamos é abrir un novo tempo político, resultado dun verdadeiro programa democrático, participativo, que rompa coa herdanza franquista, coa segunda restauración borbónica, cos privilexios da xerarquía católica, coa dominación do sistema económico financeiro, coas desigualdades de clase, xénero e lingua, e que recoñeza o dereito de autodeterminación e a soberanía dos pobos. Sería un primeiro paso cara á necesaria República Galega.

Fronte a esta pseudodemocracia degradada, fronte a esta monarquía parlamentaria podre, o que de verdade precisamos é abrir un novo tempo político

 

Hai quen propón que a forma do Estado (Monarquía vs República) sexa decidida nun referendo. Mais a realidade é que a democracia non se somete a plebiscito popular. Porque a Monarquía e a Democracia son realidades absolutamente antitéticas. E a democracia, a liberdade, a dignidade son dereitos que se exercen e que non se poden someter a votación.

Tampouco nos vale a República sen máis, a República como mantra, como solución a todos os problemas. Non vale de nada que cambie a forma xurídica do Estado, se todo segue igual. 

Precisamos un statu quo que recoñeza o dereito á autodeterminación das nacións. Que se asente sobre a igualdade e a xustiza social. Que faga posíbel o exercicio da soberanía nacional, que é a forma que teñen os pobos para defenderse do capitalismo depredador que nos afoga. E para iso non valen reformas cosméticas, é precisa unha profunda transformación que permita construir Galiza como un país soberano, democrático, equitativo e próspero. 

Precisamos un statu quo que recoñeza o dereito á autodeterminación das nacións. Que se asente sobre a igualdade e a xustiza social

 

Arelamos a República, si, a República Galega. A República da fraternidade e os dereitos colectivos. A República laica e feminista, igualitaria e combativa, internacionalista e solidaria que recibimos en herdanza dos homes e mulleres que deron o mellor de si mesmos, mesmo a vida, por estes nobres ideais.

É tempo de loitar e é tempo de soñar. Queremos soñar grandezas para Galiza e facer realidade os soños... E chegará un día en que se farán realidade os nosos anceios de vivir libres de tutelas. En que Galiza se libere de toda caste de tiranía e se faga dona do seu destino. 

Co símbolo desa liberación. A nosa bandeira republicana, a nosa bandeira tricolor. Branca, azul e vermella. A bandeira da nosa República da esperanza, da democracia, da liberdade.

Comentarios