Opinión

O decoro e o decorado

Os dez anos que pasaron desde o comezo da grande recesión que principiou coa creba de Lehman Brothers foron un tempo de xigantescas mutacións no político, no económico e no social. O xigantesco tsunami ideolóxico que debaratou dereitos e liberdades, centralizou a toma de decisións e concentrou moito máis a riqueza foi posíbel porque houbo un acordo tácito entre as forzas conservadoras e a socialdemocracia sobre as receitas económicas que era preciso aplicar para socializar as perdas do sistema financeiro. O control do gasto público e a austeridade foron a trampa ideada para convencer as maiorías de que só había unha saída para evitar o caos, mais o engano foi evidente: tratábase de axustar as finanzas públicas e disciplinar o gasto social para permitir destinar enormes cantidades de diñeiro a sanear unha banca corroída pola voracidade e a especulación.

A chamada “crise” foi polo tanto un xigantesco roubo de dereitos sociais, laborais e democráticos, un descomunal saqueo de recursos que pasaron das mans das clases traballadoras aos sectores máis privilexiados. Cómpre ver claro o conxunto, as dúas facianas da involución, porque vai ser infinitamente máis difícil reconquistar os dereitos perdidos no altar das reformas que recuperar a parte da renda que cambiou de mans.

A chamada “crise” foi polo tanto un xigantesco roubo de dereitos sociais, laborais e democráticos, un descomunal saqueo de recursos

 

O tsunami político e social deixou moitas vítimas polo camiño: a maioría social, as liberdades públicas, a democracia, a miraxe dunha sociedade que supostamente camiñaba cara á igualdade e ao benestar. A involución ideolóxica foi brutal, co entreguismo da socialdemocracia e coa renuncia dunha suposta esquerda alternativa a defender as súas posicións cando tivo a posibilidade de gobernar (véxase o caso de Grecia). E sobre todo, co triunfo das posicións máis reaccionarias e coa emerxencia de movementos populistas e xenófobos que se extenden como un cancro por Europa.

A monumental involución ideolóxica tamén removeu o mapa político no Estado e en Galiza. A aparente debilidade das forzas do turnismo borbónico fixo emerxer novas marcas que non tiñan as pesadas cargas dos partidos do sistema, lastrados pola corrupción e pola asunción submisa das ordes emanadas dos centros de poder internacional. Na Galiza a nova conxuntura debilitou o nacionalismo, por unha parte minado por diverxencias na lectura do novo tempo histórico, por outra mermado con escisións e desercións de colectivos e persoas que viron unha saída na alianza con forzas estatais. Unhas alianzas que ao cabo do tempo demostraron non ser pactos entre iguais senón relacións de subordinación e dependencia.

A aparente debilidade das forzas do turnismo borbónico fixo emerxer novas marcas que non tiñan as pesadas cargas dos partidos do sistema

 

Mais contra o que parecía acontecer, os partidos tradicionais demostraron ter maior fortaleza, maior resistencia ao desgaste, maior capacidade para sobrevivir ás adversidades. E as supostas opcións alternativas da dereita e da esquerda presentáronse na práctica máis como proxectos reformistas e como opcións de recambio de elites. Trátase en definitiva de forzas de orde, cunha forte compoñente autoritaria, centralista e personalista. Opcións respectuosas do decoro e do decorado, especializadas no uso da mercadotecnia e a demoscopia, altar no que acostuman sacrificar os seus ideais.

Neste panorama chega unha nova reviravolta do turnismo borbónico, a saída necesaria para lavar a imaxe dun rexime corroído pola corrupción e desexitimado internacionalmente pola deriva antidemocrática. Máis alá das mudanzas cosméticas e dos anuncios para a galería, o acontecido no último ano puxo máis que nunca en evidencia que son as forzas soberanistas das nacións sen Estado as únicas que cuestionan o statu quo, as que de verdade rompen as regras do decoro e están dispostas a tronzar o decorado.

Comentarios