Opinión

Morrer por riba das nosas posibilidades

O deterioro do sistema sanitario público galego é unha realidade que cada día sofren tanto as profesionais que traballan no SERGAS como as persoas usuarias que están á agarda dunha cita médica, dunha intervención cirúrxica, dunha consulta en atención primaria ou pediátrica, etc. 
Malia a dedicación e profesionalidade do persoal médico e de enfermaría, a saúde pública está aberta en canal pola degradación das condicións laborais, o desmantelamento da atención primaria, a precariedade en que se encontran os puntos de atención continuada, o caos nas urxencias e o desvío de grandes sumas para servizos privatizados, poñendo o negocio de grandes empresas por riba da vida e da saúde das persoas.

E aínda que non ocupe titulares nos medios públicos, existe un clamor en todo o país contra a xestión do goberno de Almuíña e de Feixoo, verdadeiros responsábeis da desfeita dun sistema que debe ser unha peza clave para a equidade e a xustiza social. As denuncias dos colexios médicos e dos sindicatos sobre a explotación laboral que sofren as profesionais con contratos temporais; as folgas nos PAC, nos hospitais ou nas ambulancias do 061 pola degradación das condicións de traballo; as protestas multitudinarias contra a supresión do servizo de pediatría ou o deterioro da atención primaria en Soutomaior, Cangas, Moaña, Mondariz, Ponte Caldelas, Moraña, Cuntis, Coruxo, etc. son a constatación da crúa realidade que a Xunta de Galiza pretende ocultar.

Existe un clamor en todo o país contra a xestión do goberno de Almuíña e de Feixoo

É unha realidade que os recortes matan. Que se pon en risco a vida das persoas e que se colapsan as urxencias debido ao abandono da atención primaria. Que a potenciación do gasto en medicina de familia e prevención reduciría o gasto sanitario (e os negocios de moitas empresas). Que o repago dos medicamentos impón barreiras para o acceso á saúde. Que o SERGAS se comporta como a peor das ETTs. Que a dereita aproba o gasto de 650.000 euros en sacerdotes para hospitais e retalla os investimentos en medicinas que si que curan e salvan vidas. Que cargos da Consellaría están imputados por homicidio imprudente por retrasar, por razón orzamentarias, a medicación a persoas enfermas de hepatite C.

A morte no PAC da Estrada dunha persoa que non foi atendida a tempo por falta de persoal médico puxo o foco mediático na degradación da sanidade pública e na situación das urxencias. E deu lugar a que a oposición no parlamento forzase, co voto en contra do PP, a creación dunha comisión de investigación que quedou en papel mollado polo veto de Feixoo á comparecencia de asociacións, profesionais e mesmo de familiares da persoa falecida na Estrada.

É unha realidade que os recortes matan e que o SERGAS se comporta como a peor das ETTs

Por moita maioría absolutista que teña, o PP non vai poder tapar o sol cun dedo. O sistema de saúde pública está en situación de emerxencia polas políticas retalladoras e privatizadoras da dereita. Mais hai unha sociedade cada vez máis consciente que se está a mobilizar e a denunciar o abandono da atención primaria, o deterioro das urxencias, a redución de servizos e a degradación das condicións laborais do persoal médico. 

A defensa dos servizos públicos e do sistema de saúde é unha batalla central deste tempo. E sen deixar de reclamar máis recursos e un financiamento xusto, cómpre fortalecer esta loita polo público, pola calidade de vida, pola saúde e pola dignidade das persoas.
 

Comentarios