Opinión

Monarquía non, grazas

A monarquía constitucional española carece de lexilimidade democrática. Sabido é que Juan Carlos de Borbón foi proclamado como herdeiro polo Ditador Francisco Franco e que el mesmo se convertiu en gardián das esencias franquistas e da sagrada unidade da patria española. 

Na súa proclamación como monarca, o 22 de novembro de 1975, xurou cumprir as leis fundamentais e gardar lealdade aos principios do Movemento. Nesa xornada infame, proclamou o seu respecto e gratitude cara ao Ditador: “El nombre de Franco será ya un jalón del acontecer español y un hito al que será imposible dejar de referirse para entender la clave de nuestra vida política contemporánea”. Tres días despois, facía realidade a gratitude creando o señorío de Meirás e do Ducado de Franco, ignominiosos títulos nobiliarios que luxan unha democracia podre e caduca.

A monarquía española carece de lexitimidade ética. As gravísimas acusacións publicadas desvelan un entramado de corrupción que envolve o rei emérito e grandes empresas, con presuntos delitos de fraude fiscal, branqueo de capitais, tráfico de influencias e outras figuras penais. Unha realidade silenciada durante décadas polos medios do rexime e que era un segredo a voces.

As gravísimas acusacións publicadas desvelan un entramado de corrupción que envolve o rei emérito e grandes empresas

 

Nun verdadeiro estado de dereito, a gravidade dos feitos denunciados daría pé á intervención da fiscalía anticorrupción e a investigación por parte da Facenda, mais é sabido que a o rexime do 78 blindou con impunidade e con inmunidade a monarquía, como fixo antes co franquismo.

Mais este estado de excepción democrático e xudicial non consegue ocultar —senón que polo contrario pon máis en evidencia— a degradación, a podremia e a corrupción dun Estado que ten na monarquía constitucional o maior exponente das súas miserias. Unha institución que, máis alá da operación de maquillaxe do relevo real, amosou a súa verdadeira faciana reaccionaria e centralista na resposta de Felipe VI ao desafío soberanista catalán.

Na Galiza temos experiencia histórica de abondo para saber que a monarquía española non trouxo nada bo para o país. Ao longo dos séculos trouxo guerras, expolios, exilio, miseria, submisión e dependencia. Unha vasalaxe que forneceu tamén discursos históricos falsificados e ocultacións interesadas.

Na Galiza temos experiencia histórica de abondo para saber que a monarquía española non trouxo nada bo para o país

 

Mais unha parte crecente da sociedade galega, e nomeadamente a poboación máis nova, ten o convecemento e a convicción de que se trata dunha institución arcaica, retrógrada, machista e antigalega. Unha institución incompatíbel coa democracia —e que por iso non se pode someter a referendum—, que viola os máis elementais principios da decencia e da ética, e que se sitúa por riba da xustiza e fóra da lei.

Comentarios