Opinión

Modelos urbanos en tempos de pandemia

Entre os efectos colaterais da pandemia está o debate sobre os espazos nos que habitamos: a importancia de coidar a biodiversidade e o medio natural, o rexurdimento do rural como lugar de residencia, de traballo e de aprovisionamento, e a reflexión sobre como organizamos as cidades e as súas relacións coa contorna.

O impacto descomunal da covid-19 nas nosas vidas pode ser a oportunidade para acelerar procesos que xa estaban en curso e que son inadiábeis: porque esta crise é só un aviso do que está por chegar, do desastre que agarda á humanidade se non muda radicalmente a relación co medio ambiente, sexa este natural, rural ou urbano.

Deberiamos comezar a preocuparnos de verdade e non só no terreo da retórica e da propaganda. Porque máis alá da ameaza real e devastadora deste e doutros virus, existe o risco dunha auténtica hecatombe asociada á perda de diversidade, á mudanza do clima e ao incremento acelerado da contaminación derivada da actividade humana. Fenómenos todos que son causa de desastres naturais, de devastación e dun silencioso incremento da mortalidade e das enfermidades, procesos que se van acelerar no futuro inmediato.

No que ten que a ver co espazo urbano, cómpre comezar unha auténtica transición, cando non unha revolución, cara a cidades e vilas máis habitábeis, máis integradoras e máis saudábeis. Unha tarefa descomunal que supón romper coas lóxicas depredadoras e privatizadoras dominantes para erguer un modelo alternativo que poña en primeiro termo a vida das persoas, o seu benestar, a súa saúde, a súa seguridade, o seu dereito a usar e gozar o espazo público. Unha mudanza que hai que facer con valentía e sen trampas, porque non se poden confundir os fins (o novo modelo integral de cidade) cos medios para conseguilo (peonalizacións, ampliación de beirarrúas…).

Se ben hai moitas cidades que deron pasos parciais e avanzaron neste camiño, moi poucas o fixeron coa visión global, a coraxe e o ritmo que o fixo Pontevedra nas dúas décadas do século XXI da man do goberno liderado por Miguel Fernández Lores.

A revolución urbana de Pontevedra pasa por unha premisa fundamental: poñer as persoas no centro das políticas públicas, as persoas non como un todo indivisíbel senón na súa complexidade e na súa diversidade. Unha idea radical que obriga a mudalo todo nun proceso gradual e constante: a concepción do espazo público, a mobilidade, a actividade económica, comercial e de servizos, o emprazamento dos equipamentos ou a xestión de recursos básicos como a auga, os residuos ou a enerxía con lóxicas de proximidade, aforro, eficiencia e corresponsabilidade.

Temos a inmensa sorte de ter en Galiza unha cidade que é referente mundial das políticas urbanas máis avanzadas. Sexamos conscientes do que isto significa e aproveitemos este momento de crise para liderar desde aquí o novo tempo das cidades amábeis, saudábeis, compactas, cohesionadas, construídas na harmonía das persoas e do medio.

Comentarios