Opinión

Para unha historia con todas as cores

Vítimas dun sistema que as condenou durante séculos á submisión e a dependencia, que as recluiu nos recantos máis escuros do tempo, as mulleres seguen sufrindo hoxendía a exclusión da invisibilidade nos discursos históricos.

Vítimas dun sistema que as condenou durante séculos á submisión e a dependencia, que as recluiu nos recantos máis escuros do tempo, as mulleres seguen sufrindo hoxendía a exclusión da invisibilidade nos discursos históricos.

"Vítimas dun sistema que as condenou durante séculos á submisión e a dependencia, que as recluiu nos recantos máis escuros do tempo, as mulleres seguen sufrindo hoxendía a exclusión da invisibilidade nos discursos históricos".

Nos libros non tiveron lugar de seu as innovadoras e pioneiras da Idade Media, as heterodoxas e rebeldes dos tempos modernos, as que cultivaron as artes e as letras na época contemporánea, as que romperon as imposicións e entraron nas aulas do bacharelato e a universidade no século XX. Tampouco tiveron espazo propio as empresarias, as traballadoras, as artesás, as proletarias do campo, do mar e da cidade, as emigradas..., mulleres de coraxe e de labor que ficaron recluidas no silencio, no anonimato.

Ou todas as que se comprometeron coa causa da liberdade, cos ideais de progreso e igualdade, con Galiza e a República, e que foron perseguidas, aldraxadas, sinaladas, recluidas nos cárceres e nas cadeas da Ditadura, durante décadas. E que despois ficaron encerradas no esquecemento, nunha memoria apenas pronunciada no interior das casas.

Mais toda esa historia, toda esa memoria vizosa e valente estaba aí, agardando. E agora emerxe poderosa e fecunda en imaxes e documentos que reflicten as caras ocultas, as voces silenciadas, os nomes rotos, os feitos postergados. E tamén os corpos ousados, as mans fortes, as palabras audaces, as mentes lúcidas, creativas, insubmisas. 

Todo para cumprir unha arela de coñecemento e recoñecemento, mais sobre todo de Verdade, para que o pano da Historia se ilumine con todas as cores, do gris ao violeta

Intervención na presentación da exposición "Do gris ao violeta" e o programa de actividades "Tempo de mulleres" de recuperación da memoria das mulleres en Pontevedra. 

Comentarios