Opinión

A estratexia atlántica de Galiza

Hai vencellos históricos, culturais e lingüísticos que nos unen con Portugal, consecuencia de moitos séculos de historia común. Mais o que de verdade debe unirnos é o futuro. Os intereses que compartimos na ciencia, na investigación, na cohesión territorial, nas infraestruturas, nos transportes, na economía, no comercio, no turismo, no ambiente, na lingua, no océano… 

O espazo formado por Galiza e Norte de Portugal conta con 6,5 millóns de habitantes, supera demograficamente a Estados como Dinamarca, Irlanda ou Finlandia, entre outros da UE. Galiza é a primeira comunidade española cliente de Portugal e a terceira provedora.

Sendo moi importante a relación no ámbito transfronteirizo e co Norte de Portugal, chegou o momento de ir máis alá, de forxar unha verdadeira alianza estratéxica con Portugal, con Lisboa. Unha alianza que debe concretarse con actuacións como a apertura dunha delegación permanente de Galiza na capital lusa; a participación directa do noso país na CPLP e demais foros lusófonos; a creación do Observatorio da Lusofonía previsto na Lei de Acción Exterior; e o desenvolvemento de todo o potencial -aínda non explorado- da lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Mais precísame tamén nesta materia un verdadeiro gobernO galego, que defenda os intereses do país sen pedir permiso a Madrid.

O pasado 28 de setembro o goberno portugués presentou a Nova Liña de Alta Velocidade Lisboa Porto, un proxecto que debería estar rematado en 2030. No mesmo acto anunciáronse os plans da nova liña Porto Vigo, que se prevé desenvolver en fases, con un trazado de dobre vía por Nine-Braga-Valença (paralelo ao actual trazado da Linha do Minho que vai por Nine-Viana-Caminha-Valença). A previsión do goberno portugués é que o treito Valença-Braga se execute entre 2026-2030, igual que a conexión Porto-Aeroporto Sá Carneiro. A fase Braga-Aeroporto quedaría para despois de 2030.

As intervencións nese acto do Ministro de Infraestruturas Pedro Nuno e do primeiro ministro António Costa constitúen un fito histórico xa que situaron como prioridade de Portugal a vocación atlántica do país, e a liña do tren de velocidade entre Galiza e Lisboa como a grande espiña dorsal dese proxecto de futuro. Portugal ten claro que o seu porvir pasa pola cohesión e a vertebración do país, fronte á conexión con Madrid. Portugal e Galiza teñen intereses comúns.

A liña de alta velocidade Vigo-Porto (e por extensión entre a Rexión Urbana de Coruña/Ferrol e Lisboa) é un proxecto estratéxico, a prioridade número un en materia de grandes infraestruturas para Galiza. É unha especie de trabe mestra esencial para a vertebración territorial, o desenvolvemento económico e a xeración de oportunidades e traballo nos nosos países. Ademais, é un medio máis sustentábel, saudábel e seguro fronte a outros modos de transporte máis contaminantes.

Portugal ten claro que a liña de alta velocidade Porto-Vigo é un proxecto cardinal e está dando pasos firmes para facelo realidade. Mais para o goberno central non é un proxecto prioritario porque os seus intereses están no esquema radial con centro en Madrid e no Corredor Mediterráneo.

A Galiza vaille o ser e o futuro nesta aposta atlántica cara ao sur e cara ao océano.  Por iso, é esencial que se planifique a construción da liña e que se comecen os estudos de trazado e a redacción dos proxectos. Que se faga unha planificación dos investimentos e un cronograma coordinado co goberno portugués. Os orzamentos do Estado do 2023 e a Cimeira Ibérica de Viana do Castelo do vindeiro 4 de novembro son unha boa oportunidade para pasar das palabras aos feitos.

Galiza ten que facer valer a súa vocación atlántica. Mais un desafío coma este non o vai liderar un goberno da Xunta teledirixido desde a rúa Xénova. Precisamos artellar un grande movemento social, económico e institucional, e un poder político, que lideren esta grande aposta de futuro. 

Comentarios