Opinión

8 de marzo: Continuamos a loita galega e feminista

A realidade social e económica na que celebramos este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, obríganos ás mulleres e máis concretamente ás mozas, a analizar o que está a acontecer cos nosos dereitos, e os retrocesos que se están a producir logo da chegada do PP ao goberno tanto central como da Xunta. 

A realidade social e económica na que celebramos este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, obríganos ás mulleres e máis concretamente ás mozas, a analizar o que está a acontecer cos nosos dereitos, e os retrocesos que se están a producir logo da chegada do PP ao goberno tanto central como da Xunta. As chamadas políticas “anticrise” non son máis que o eufemismo que utiliza o Partido Popular para tratar de agochar a realidade do ataque ás mulleres, políticas antisociais que atentan contra dereitos recoñecidos da clase traballadora e que moitas outras compañeiras xa conseguiron antes. 

Deste xeito, vemos como o paro feminino na Galiza vai en aumento neste ano 2014, a consecuencia dos recortes de postos de traballo na sanidade, na educación, os servizos sociais ou no comercio e hostalería pola baixada de consumo. A isto temos que sumarlle o ataque á conciliación familiar a base de recortes sociais básicos que provocan a precariedade das vidas de todas nós.

“A chegada do Goberno de Rajoy, produciu nos nosos dereitos grandes regresións. Os golpes viñeron un tras outro, como é o caso da caza de bruxas que están emprendendo en pleno século XXI”

A chegada do Goberno de Rajoy, produciu nos nosos dereitos grandes regresións. Os golpes viñeron un tras outro, como é o caso da caza de bruxas que están emprendendo en pleno século XXI, disfrazadas dunha reforma da lei do aborto, pola que pretenden “defender aos máis débiles”, mentres recortan e eliminan axudas ás persoas dependentes, obrigándonos a facer abortos clandestinos en condicións penosas, amparándose no seu posicionamento de pro-vida. Pero deberiamos considerar quen son realmente os providas, xa que non é outro que o propio movemento feminista, como encargado de defender as liberdades das mulleres e unha boa vida e non condenar ás mulleres a vivir unha situación que non merece a pena ser vivida.

Nesta liña de involución que as mulleres estamos a sufrir temos tamén que situar os recortes nos medios destinados para combater a violencia machista e a diminución de recursos para protexer ás vítimas de violencia de xénero. Unha violencia que está vixente tanto física como estruturalmente, violencia que se pon de manifesto no número de mulleres mortas cada ano a mans dos seus “compañeiros”, no desigual reparto das tarefas do fogar, na maior taxa de desemprego feminino, no acoso sexual, nunha diferenza salarial do 30% etc.

“Continuarmos adiante na emancipación das mulleres e no noso empoderamento cara á República Galega das mulleres libres”

Malia levar máis dun século conmemorando o día 8 de Marzo, en pleno ano 2014, as mulleres de hoxe saímos á rúa para denunciarmos a mesma opresión. Porque o sistema capitalista segue abrindo fendas entre as clases sociais, e segue construíndo unha división segundo o sexo da sociedade e do traballo que nos prexudica tanto como antes. É evidente agora máis que nunca, que a defensa dos dereitos das mulleres non se pode cinguir exclusivamente a unha data, pero o próximo domingo temos que acudir á manifestación convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. Non podemos quedar caladas e sentadas vendo como destrúen o noso futuro. Debemos rebelarnos contra unhas medidas que nos pretenden facer retroceder a pasos de xigante na conquista dos nosos dereitos, debemos ser unha marea lila para que o nosa forza sexa un muro de contención contra as políticas machistas e continuarmos adiante na emancipación das mulleres e no noso empoderamento cara á República Galega das mulleres libres.

Comentarios