Opinión

Tsunamis mediáticos

Nos últimos tres meses vivimos dous importantes tsunamis mediáticos. Primeiro foi o caso da enfermeira infectada –e felizmente curada- de ébola. E despois veu a batalla campal antes dun partido de fútbol, con asasinato incluído. 

Nos últimos tres meses vivimos dous importantes tsunamis mediáticos. Primeiro foi o caso da enfermeira infectada –e felizmente curada- de ébola. E despois veu a batalla campal antes dun partido de fútbol, con asasinato incluído. Ambos casos ben merecen unha análise da ética –e profesionalidade- no xornalismo actual, pero tamén, e sobre todo, da posición dos editores de prensa, que ao fin e ao cabo son quen mandan. Xa non imos falar do tratamento informativo dalgúns medios sobre as causas e efectos da crise económica, política e social, e moito menos das novas sobre a violencia e os asasinatos machistas. O tema dá para varias teses de doutoramento.

A palabra tsunami fíxose popular a raíz do maremoto que tivo lugar o 26 de decembro de 2004 nas costas de Sumatra (Indonesia) e que chegou a Malasia, Sri Lanka, India e Tailandia. O resultado deixou un total de 229.866 persoas mortas. 

Quen se acorda en Occidente das vítimas e damnificadas polo tsunami despois de dez anos? Quen contou durante estes anos como foi todo o proceso de reconstrución e recuperación? 

Pero quen se acorda en Occidente das vítimas e damnificadas polo tsunami despois de dez anos? Quen contou durante estes anos como foi todo o proceso de reconstrución e recuperación? Quen analizou os erros e acertos? Quen asumiu responsabilidades? Onde estaban –e están- os medios que enchían páxinas con grandes titulares e abrían os telexornais con novas da catástrofe? Están ocupados con outros tsunamis actuais, tamén efémeros, e con tratamento superficial, cando non terxiversado e manipulado.

Estes días móstranse imaxes de como evolucionou a ‘zona cero’ do suposto desastre natural. Fotos, nada máis. Como se a vida en dez anos só fosen instantáneas. A vontade de sacar partido económico –se se pode dicir así-, recorrendo á espectacularización e ao sensacionalismo é o que manda. E a visión occidental do asunto que non falte tampouco. Aínda hai pouco puidemos ver algunha película lacrimóxena –enténdase por ‘Lo imposible’-, na que se amosa a turistas brancas como vítimas dunha gran traxedia, pero con final feliz. O drama humano é o que ten, que vende. Pero só no momento, o que vén despois non lle interesa a ninguén (?).

As informacións poderían ser diferentes se os medios mantivesen unha estreita colaboración coas organizacións non gobernamentais, en particular coas de corte crítico. Tendo en conta que as ONG son unha importante fonte de información debido ao seu traballo directo coas problemáticas e realidades sociais, os medios non están a aproveitar esta oportunidade de ter acceso directo ás persoas protagonistas á hora e elaborar as noticias.

 O drama humano é o que ten, que vende. Pero só no momento, o que vén despois non lle interesa a ninguén (?)

Con que son críticas as ONG? Coa relación habitual que se basea nunha estratexia de información que adoita construír unha imaxe das comunidades do sur encamiñada á procura da acción caritativa mediante paliativos puntuais; que ofrece información superficial; que con frecuencia desprega un enfoque paternalista; que mostra unha falta de coñecemento das realidades dos pobos do sur; que non lle outorga voz ás comunidades do sur para falaren por elas mesmas; e que con frecuencia reflicten estereotipos de xénero que degradan ás mulleres.

Sería importante e desexable que os medios definisen unha estratexia de comunicación que leve canda si unha implicación permanente [necesidade de cambio no norte para cambiar o sur]; unha información en profundidade [non necesariamente extensa, pero si contextualizada]; dar voz ás/aos protagonistas [non falar por ninguén dende o noso enfoque occidental]; análises non de impacto buscando unha decisión baseada no plano emotivo, senón buscando a reflexión consciente; e sobre todo un enfoque de xénero. 

Esta non deixa de ser unha pequena contribución dende o activismo social para que a onda na que está instalada o xornalismo non se converta nun tsunami que leve todo por diante, nun tempo tan necesitado de información crítica e de calidade.

Postdata: Sermos Galiza publica no seu último número un ‘A Fondo’ dedicado ao traballo de Implicadas no Desenvolvemento e People´s Development Initiatives –a nosa organización compañeira en Támil Nadu- durante e despois do tsunami no sur da India. Implicadas foi a única organización galega presente nas zonas afectadas. 

*Lucía López Bayo é presidenta de Implicadas no Desenvolvemento.

Comentarios