Opinión

Tempo de negacionistas ou a morte espectacular da razón ilustrada

Case 250 anos despois do triunfo político da razón ilustrada, asistimos atónitas a unha explosión de negacionistas, homínidos enfurecidos e embravecidos dispostos a negar calquera evidencia científica. Negacionistas que van dende o terraplanismo, o holocausto, a utilidade das vacinas, a sida, os efectos prexudiciais do tabaco para a saúde, a mudanza climática, pasando polos volcáns, e claro, as violencias machistas, o heteropatriarcado e a desigualdade social.

Falamos de opinólogos que suman cota de pantalla a golpe de provocación e ocorrencia co obxectivo de armar novas maiorías e levar a cabo os seus programas ultras en cuestións medioambientais, de saúde pública, económicas e de dereitos humanos fundamentais. Non son unha especia nova, a ciencia social tennos ensinado que os períodos de crise social contribúen a dar maior visibilidade a pareceres negacionistas no debate público que sementan a dúbida e deslexitiman a orde establecida e a toma de decisións. Pero si podemos afirmar que nunca antes contaran con altofalantes tan potentes. Dende os medios de comunicación de masas, que coa escusa de “dar voz a todas as partes implicadas” espallan as súas perigosas mensaxes; ás miles de canles de difusión propiciadas por Internet, chegando ás tribunas das institucións do estado da man da extrema dereita patria.

Non é posible desligar a entrada da extrema dereita no Congreso da proliferación dos discursos de odio e o cambio de parecer da poboación sobre cuestións vitais. Vitais porque falamos da vida de miles de mulleres asasinadas que se queren cuestionar. Santiago Abascal e Ortega-Smith, líderes da representación xa institucionalizada da extrema dereita española, utilizan de forma cotiá termos como “ditadura de xénero”, “ideoloxía de xénero”, “hembrismo”, “feminismo radical”, “yihadismo de xénero” ou “feminazis” para referirse despectivamente á loita e conquistas feministas. Termos cos que tratan de deslixitimar e sementar a dúbida sobre unha realidade arrepiante.

Os datos, teimudos, poñen cifras á barbarie, ao machismo lacerante que nos invisibiliza, nos violenta e nos mata. De acordo coas estatísticas oficiais, dende 2003, 1.113 mulleres foron asasinadas por mor da violencia machista. A elas súmanse 43 nenas e nenos. Mandas, violacións grupais, miles de agresións e violencias machistas diarias.

Porén, de acordo co último Barómetro Xuventude e Xénero 2021, realizado polo Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Xuventude, un de cada cinco mozos pensa que a violencia machista non existe e que só é un invento ideolóxico. Nunha liña semellante, un de cada catro rapaces de entre 15 e 19 anos cre que o feminismo busca prexudicalos. Son case o dobre que hai dous anos. Do mesmo xeito, a percepción de que a violencia de xénero é un problema social moi grave pasou do 72,4% ao 74,2%  entre as rapazas, pero entre os rapaces reduciuse case en 4 puntos (pasou do 54,2% ao 50,4%). E isto ao tempo que o 20,5% das mulleres enquisadas foron forzadas a manter relacións sexuais non desexadas. Unha de cada cinco. Os datos, para unha feminista que milita na ciencia, son certamente preocupantes.

Nestes anos aconteceron moitas cousas, pasaron históricos 8-M e unha explosión do feminismo como fenómeno de masas interxeracional, pasou o #metoo, o #yositecreo, entramos na cuarta ola, instalouse o feminismo institucional. As mulleres somos cada vez máis suxeitos e menos obxectos. De todo isto dá conta tamén o citado Barómetro, da preocupante reacción patriarcal que temos que combater e do avance feminista. As luces e as sombras dun momento de cambio social, crise de civilización, pandemia mundial. Momento de monstros, que diría Gramsci. Sinala as sombras pero tamén a luz ao sinalar que dende o 2017, a porcentaxe de mulleres que se consideran feministas aumentou do 46,1% ao 67,1%, e os homes que se consideran feministas incrementáronse do 23,6% ao 32,8%. Os aliados tamén, menos mal, aumentan.

Son millóns de persoas que, confiemos, estean dispostas a dar batalla racional, dialéctica e científica aos señoros da reacción patriarcal. Mal faríamos en esquecer que malia que os avances nos nosos dereitos son incontestables, empíricos, a conquista dos nosos dereitos é fráxil, sempre continxente.

Comentarios