Opinión

O teatro, a política e a memoria

"Son aquela que leva o pasado cosido ao presente.” As palabras de Ánxeles Cuña Bóveda resoaron nas táboas do Salón Teatro en Compostela o pasado xoves na representación de Semente de Nós, colaboración, en forma de docudrama, de Sarabela Teatro e Ollovivo. 

Había que facelo, escoito dicir á dramaturga. E ten razón, cen anos non se fan todos os días. Se contamos que o centenario caeu no medio da pandemia enténdese que este 2021 sexa ano de aniversario, en maiúsculas. É ben sabido que as efemérides deste calibre celébranse. Cando acontecen, os eventos financiados polas mesmas administracións públicas que mutilan incansablemente os orzamentos culturais, polas mesmas administracións que co seu proceder negan o dereito á cultura e á memoria, multiplícanse ata o infinito. Presentacións, placas, libros, charlas, conmemoracións diversas, fotografías. Referentes intelectuais convertidos en iconografía pop. Consumo rápido, sen pensamento nin crítica. Todos queren probas, se son gráficas, mellor, de seren moi fans de Nós e de Castelao, a ver se con iso e a desmemoria, poden apropiarse de certos nomes.

Pero non falemos de política porque aquí hoxe vin escribir de teatro. Do cargado de poesía, de conciencia cívica e memoria. Semente de Nós fai memoria e fai xustiza como dous exercicios necesarios para avanzar nunha verdadeira democracia. Memoria histórica democrática dun proxecto nacido para pensar outros mundos posibles dende o noso país e que rematou baixo a bota do fascismo en cunetas, cárceres e exilios. Memoria das ideas, dos nomes propios, dos coñecidos e dos ignorados, do legado dos homes e das mulleres, sempre silenciadas, apartadas das celebracións máis vistosas, que contribuíron nese proxecto colectivo e deixaron tras de si un patrimonio literario e de pensamento que nos interpela a día de hoxe. O que non se nomea non existe. Así, a mirada feminista da peza teatral toma corpo nun diálogo que nos leva dende o presente ata o xermolo da xeración Nós. Un diálogo intelectual que pon contra o espello algún dos seus postulados, sinalando as luces, as sombras e as ausencias; unha proposta valente, xusta e necesaria. Porque as mulleres existiron, pensaron, escribiron, militaron, sostiveron o mundo, foron moito máis que as colas de cometa que poetizara dona María Teresa León.

“Son a muller da cabeza rapada, a muller asasinada por acoller un fuxidío.” As voces das actrices resoaron en Compostela e foron eco na miña memoria, levándome a un dos máis fermosos discursos pronunciados no Parlamento galego, lonxe de foco, silenciado. Un discurso no que a por aquel entón directora teatral en excedencia, deputada, Ánxeles Cuña Bóveda, fixera entrar a poesía no Hórreo para pedir tanto como memoria, xustiza e reparación. Demasiada beleza para un público tan desagradecido. Demasiada dignidade para quen coa súa reiterada negativa a facer memoria, trata de seguir cubrindo de terra o seu pasado. Memoria, xustiza e reparación. Con Nós e para todas nós. 

Comentarios