Opinión

Por unha Europa feminista

O Parlamento Europeo terá unha presidenta por terceira vez na súa historia. Ata aquí o que podía ser unha boa nova. Mais resulta que a elección de Roberta Metsola supón a escolla dunha muller conservadora contraria aos dereitos das mulleres. Así o demostrou con reiteradas negativas a apoiar a saúde sexual e os dereitos reprodutivos das mulleres. Mesmo chegando a votar en contra dunha condena a Polonia polo cambio legal que supuxo, de facto, a prohibición do mesmo, ao eliminar o suposto das malformacións fetais para a interrupción do embarazo. De feito, a ofensiva polaca contra o dereito ao aborto coloca ao país centroeuropeo no segundo máis restritivo da Unión, só superado por Malta, de onde é Metsola, o único estado no que o aborto está totalmente prohibido. 

Como é ben sabido, os impedimentos legais non evitan os abortos, senón que aumentan os seus riscos, custan vidas e convértenos en privilexios para unhas poucas. De acordo cos datos da WRF en Malta, entre xaneiro de 2013 e xaneiro de 2018, 465 maltesas intentaron comprar por Internet pastillas para interromper o embarazo. 

Non deixa de ser curioso que a normativa europea sexa superior en todo o que ten a ver coa regulación dos mercados, a competencia industrial, a economía ─sempre a economía─ e que en asuntos fundamentais vinculados cos dereitos das persoas, cada estado poida facer ao seu antollo. Tanto é así que o aborto non se menciona en ningún texto normativo europeo. Queda no asunto dos valores, as tradicións e a historia de cada quen. É dicir, que un país pode pertencer á UE e ignorar dereitos básicos das mulleres. Semella que aínda non se decataron de que o persoal é político e que unha institución que di descansar sobre os dereitos fundamentais non pode abandonar ás mulleres á súa sorte. Nese sentido, a proposta de Macron de incluír o aborto na Carta de Dereitos da UE é un punto de partida básico.

A elección de Metsola foi o resultado dun acordo entre conservadores, socialdemócratas e liberais asinado xa en 2019, que agora renovan cun reparto de cadeiras e permite, entre outras cousas, que os socialistas se fagan con cinco vicepresidencias. Podemos pensar, e así sería, que na elección das deputadas e deputados socialistas, a cuestión dos dereitos das mulleres non estivo sobre a mesa, ou non coa forza necesaria. As reviravoltas dos acordos parlamentarios acostuman ser menos profundos do que unha quixera admitir e, ás veces, teñen máis de reparto de poder que de principios en disputa. Mais o mínimo esixible sería que os dereitos das mulleres non entraran no terreo das negociacións. É dicir, que foran unha auténtica liña vermella sobre a que as e os demócratas non ceden. Un requisito mínimo ao financiamento que reciben os estados membro. Os dereitos das mulleres, a igualdade, serían un piar sólido sobre o que tratar de levantar un proxecto europeo verdadeiramente democrático.

Comentarios