Opinión

E ao día seguinte, o valado da vergoña seguía alí

Apenas trinta e seis horas foi o tempo que durou o espellismo da fronteira inexistente. Trinta e seis horas nas que unhas oito mil persoas, moitas delas nenos, menores sós, puideron cruzar a fronteira cargadas de soños e esperanzas, perseguindo a oportunidade de ter unha vida mellor. Nun mundo colonizado, que dixo Frantz Fanon, a liña divisoria entre as dúas partes que o compoñen, a fronteira, está indicada polos cuarteis e as delegacións da policía. Así, nun novo capítulo de chantaxe do goberno ditatorial marroquí, a fronteira diluída durou o que a retirada militar. Trinta e seis horas, trinta millóns de euros e un tirón de orellas da Unión Europea despois, todo volve, isto si, á vella normalidade.

Unha vella normalidade na que Marrocos colabora cos estados europeos para que as persoas que tratan de chegar ás nosas costas queden fóra da nosa vista e lonxe, todo o posible, dos nosos territorios. Trátase da externalización das fronteiras, acordos e políticas encamiñadas a desprazar a xestión das lindes europeas cara o Sur para evitar a chegada de persoas refuxiadas e inmigrantes. Unha política migratoria asumida por España dende o 2004 mediante un importante dispositivo militar e policial que antepón o control fronteirizo ao respecto debido aos dereitos humanos; e que descansa na colaboración necesaria dos países de tránsito, países que tradicionalmente teñen servido como paso intermedio e necesario daquelas persoas que trataban de chegar a Europa. Quen acepte facer de gardián será, por suposto, economicamente recompensado. Unha sorte de subcontrata de control de fronteiras na que decidimos non mirar a letra pequena sobre o traballo sucio.  Así o levan advertindo durante anos organizacións como CEAR ou Human Rights Watch que denuncian o mal trato reiterado que os nosos socios nesta materia, Libia, Níxer e por suposto tamén Marrocos, dispensan ás persoas migrantes. Os acordos millonarios deste tipo asinados coa autarquía alauí, trinta millóns aprobados no consello de ministros do pasado martes en plena crise humanitaria en Ceuta, non están pensados para tratar de mellorar a vida das persoas que tratan de emigrar, senón que van dirixidos a afastalos de nós, custe o que custe. O goberno marroquí ingresa ese diñeiro, máis o da UE, a cambio de “manter o control”. Un control que implica armamento, concertinas, muros, devolucións en quente, abandonos das persoas migrantes en lugares inhóspitos e afastados das costas, malleiras, dor, sufrimento e mortes. Demasiadas mortes.

A externalización das fronteiras, sempre ao abeiro dun novo enfado e chantaxe do goberno marroquí, nin é humana nin é eficaz. Pagar para evitar a chegada de persoas que foxen dos seus fogares é tan pouco digno como xogar coas vidas da xente para sacar tallada no taboleiro xeopolítico. A blindaxe fronteiriza non é un remedio máxico, non resolve nada, simplemente oculta o que está pasando. Non hai muros capaces de conter os soños nin a desesperanza. Tampouco seremos quen de levantar muros o suficientemente altos para sepultar a pobreza e a desigualdade enorme que caracteriza a fronteira Sur. Os discursos de odio xenófobos que insisten en incrementar os muros e aramados seguirán custando miles de vidas. Segundo os datos da Organización Internacional das Migracións, máis de 20.000 persoas perderon a vida tratando de cruzar o Mediterráneo dende 2014. Auténtico cemiterio colectivo nese que outro día fora Mar Común. Porén o novo pacto Europeo de Migracións e Asilo que temos sobre a mesa dende setembro insiste nun modelo fracasado. A tan ansiada política común europea en materia migratoria só insiste na blindaxe, o retorno rápido e a solidariedade selectiva. No seu debe atópanse os necesarios investimentos en orixe, a protección da infancia que viaxa soa, un mecanismo rápido e común que verdadeiramente garanta o dereito ao asilo e ao refuxio, a aposta por vías seguras de entrada, os urxentes visados humanitarios, o reforzo das políticas de integración e o compromiso con medidas de reasentamento e reagrupación familiar.

A política migratoria non se improvisa. Non é doada. Nin de consumo rápido. Cuestións complexas esixen mirada longa, e non atender ás urxencias que os ultras disfrazados de patriotas impoñen.

Que pasaría se de pronto deixamos de ser patriotas para ser humanos?
Mario Benedetti

Comentarios