Opinión

Os territorios teñen memoria: precisamos enfrontala

[Artigo asinado conxuntamente por Antonio Míguez Macho e Lourenzo Fernández Prieto. Membros de Histagra]

Os territorios teñen memoria, viva, esquecida, negada ou rota, pero precisamos saber interpretala para poder orientarnos e non equivocarnos coas trampas do presente. Si, mesmo para este presente ateigado de coronavirus e outras urxencias do día a día, cómpre non esquecer o tratamento que pon en valor a memoria, tamén a memoria dos pasados incómodos, como o de 1936, a Ditadura e a Resistencia. Un concepto este, o de resistencia, que cómpre incorporar de vez historiograficamente a aquel pasado para completar con xeito un cadro esvaído. Despois de todo, se somos o que somos é por quen resistiron ao fascismo; os dereitos e liberdades, ben o sabemos, non se regalaron a ninguén, e do mesmo xeito tamén se poden perder. Dende hai douscentos anos as mareas de democratización combínanse coas do autoritarismo. Entender as pegadas dese pasado nos espazos públicos que compartimos é un exercicio de saber facer; combater o negacionismo histórico, un deber democrático.

A memoria nos territorios refírese ao modo no que a historia se expresa nos lugares, como recordos do que se viviu e tamén esquecementos. A experiencia do que vivimos no noso país ensínanos que cando se quere borrar a memoria do territorio, por riba do que os datos demográficos nos digan, os espazos fican baleirados e inermes. Desde a historiografía estudamos que eses procesos de baleirado non teñen nada de “espontáneo”, pero si moito de intencionado asociados a políticas de esquecemento, manipulación e, sobre todo, negacionismo histórico. Paga a pena propoñer unha alternativa? Defendemos que si, e cremos ter, como argumentaremos, a alento da oportunidade, do ben común, da sustentabilidade e da democracia.

A oportunidade en primeiro lugar diante da pasividade, do laio e, sobre todo, do oportunismo. O pasado que a memoria refire no territorio non atura que o deixemos estar a quen queira miralo, porque entón somentes poderemos queixarnos da súa perda ou permitirmos que calquera poida aproveitarse do seu valor para un uso espurio e interesado. Como o franquismo que fixo da memoria vencedora dos verdugos a memoria do consenso democrático. Era unha invitación a quedar quedos e non pescudar, xa que logo, “todos fomos culpables”. Quedounos entón a queixa de non ser parte dunha memoria antifascista europea, de ser unha excepción, de ser “diferentes”. Tanto tanto acreditamos nesa manipulación histórica que aínda hoxe temos que volver mirar arredor para decatármonos de que o pasado da pluralidade, o pasado da persecución e do xenocidio, e o pasado da resistencia están con nós, nas nosas cidades, nas nosas vilas e nas nosas aldeas. E o do antifascismo tamén.

Construír un protocolo que axude a reinterpretar e valorar todo ese patrimonio histórico que nos acompaña e que doe silandeiramente é un beneficio común, é unha proposta de política pública como non se puido, soubo ou quixo facer. Lonxe do oportunismo da “memoria histórica” como bandeira, xa é hora de madurar como sociedade e como país e deixar de laiarnos polas oportunidades perdidas.

Tamén é un exercicio de sustentabilidade, porque os territorios que teñen memoria son vivos, nin baleirados nin baleiros. A historia ten os coñecementos, os instrumentos e a capacidade para traballar nese proceso cara ao futuro. Temos o coñecemento e as equipas e equipamentos para poder afrontar o desafío de confrontar o pasado incómodo do golpe, da guerra, da ditadura e da resistencia. Xa o fixemos con nomesevoces.gal. En Galicia, seica tamén hai que saber estar orgullos, porque grazas ao traballo de moitas persoas fomos punteiros e exemplo nese traballo. Necesítase amparo institucional, porque o apoio social xa o logramos co éxito das múltiples iniciativas que se levan a cabo. Por iso cómpre lembrar que os territorios teñen memoria, que é preciso enfrontar para non negarnos a nós mesmos.

Comentarios