Opinión

Foz e o culebrón Gestagua

Casualmente (ou non), estes días saen a miúdo na prensa novas sobre a situación do Concello de Foz coa concesionaria Gestagua.


Casualmente (ou non), estes días saen a miúdo na prensa novas sobre a situación do Concello de Foz coa concesionaria Gestagua. Pode ser que, coma nós, non todos os veciños e veciñas estiveran ao corrente das incongruencias que xiran ao redor deste tema. Vamos, entón, poñernos en antecedentes.

No ano 1992 o Concello adxudica a xestión da auga e do lixo a esta empresa, un contrato que se firma por cinco anos e que se prorroga até 2007, que se pon a funcionar a maldita depuradora do muelle. Foi entón cando o Concello pretendía ampliarlle o contrato a Gestagua para que tamén asumira o servizo da depuración. Luis, o interventor que daquela había na Administración Local e que, eventualmente, tamén está hoxe, repara esta operación advertindo ao goberno do señor Rivera que está incumprindo a lei, xa que este sería un novo contrato e debería facerse, entón, por medio dunha adxudicación pública. A oposición, BNG e PP, votan en contra desta ampliación de feito facendo caso das recomendacións de intervención. Pero é obvio que a cordura durou pouco, xa que, curiosamente, pouco despois o Partido Popular cambia o sentido do seu voto e permite que esta ilegalidade se execute e Gestagua, sen publicidade, asine un novo contrato por dez anos máis.

A oposición, e falamos do BNG, vota en contra de aplicar a suba na taxa da auga aos veciños e veciñas de Foz porque favorece intereses privados

Desde entón e até 2017 a concesionaria da auga cóbralle ao Concello un prezo prefixado no contrato e unha suba anual que se calcula a partires dunhas táboas de revalorización, agora ilegais. A partires do ano 2008 estas subas deixan de abonarse e a finais do ano pasado a débeda ascende a uns 800.000 €, unha débeda, que de seguir así ao fin do contrato suporía case un millón e medio de euros.

A semana pasada convócase unha Xunta de Portavoces para tratar de solucionar esto. O que propón o alcalde é cesar o contrato de mutuo acordo para así evitar que siga incrementándose a débeda e adxudicar de novo as xestións da auga, do lixo e da depuración a unha nova empresa privada, que sería quen asumiría a débeda que o Concello ten con Gestagua. Esta decisión debe aprobarse en Pleno.

O BNG de Foz reuniu o seu Consello Local para tratar este e outros temas que nos preocupan e xorden varias cuestións: por que o alcalde culpa á oposición desta débeda? Cumpre Gestagua a súa parte do contrato? Quen fixa o prezo que o Concello lle paga a Gestagua polos seus servizos? É casualidade que este tema saia xusto agora? É máis caro municipalizar ou privatizar?

E de novo quedamos abraiadas ante tantas respostas vergoñentas que se seguen defendendo a capa e espada.

A oposición, e falamos do BNG, vota en contra de aplicar a suba na taxa da auga aos veciños e veciñas de Foz porque favorece intereses privados, porque intervención se mantén firme en canto ás ilegalidades que rodean este contrato e porque seguimos crendo que é bochornoso que quen fixe o prezo da concesionaria sexa a propia concesionaria.

Gestagua, en contra do que recomenda a lei, é quen di o que custan os seus servizos e as subas anuais

Cando Gestagua firma o contrato comprométese a realizar unha serie de obras, melloras e mantemento no sistema de saneamento do noso Concello. Están feitas? Quen as fixo? Cando? Por que importe? E se as fixo, onde están os certificados desas execucións? 

Gestagua, en contra do que recomenda a lei, é quen di o que custan os seus servizos e as subas anuais. Non hai ningún informe técnico municipal que diga se ese prezo é ridículo, correcto ou excesivo.

Por que hai tanta présa en rematar agora, á falla de dous anos, o contrato? É casual que vaia este tema a Pleno xusto ó mes seguinte de aprobarse a ubicación da nova depuradora? Nós non sabemos si é coincidencia, mais sospeitoso si que parece.

O BNG de Foz sempre se vai manter firme na defensa dunha xestión pública, que implicaría un servizo máis barato e de mellor calidade para toda a nosa veciñanza, para o servizo da auga que consideramos como un ben de interese xeral.

Nota de Sermos: asina este artigo, canda Lorena Seivane, María Teresa Rego Cabanas, tamén concelleira do BNG en Foz.

Comentarios