Opinión

A banalización e os compases (II)

Para continuar coa peripecia da reivindicación de Dorotea Bárcena en toda a súa complexidade que deixei polo medio na primeira parte deste artigo, debo dicir que, por sorte, o camiño de redescuberta de Bárcena ao que eu quería contribuír comezaba daquela a desbrozarse. 

Fun tendo noticia, ao tempo que traballaba no libro, dalgunhas iniciativas ben interesantes: o Consello da Cultura Galega no seu “Álbum de mulleres” dedicou un apartado a reunir materiais arredor da súa vida e obra e, recentemente, en colaboración con A Quinta do Cuadrante e con dirección de Tito Asorey promoveu unha preciosa lectura dramatizada da súa obra As mulleres do porvir para conmemorar a figura de Concepción Arenal. E foi tamén unha grandísima noticia o establecemento en 2017 dos Premios Dorotea Bárcena do Festival de Teatro Galego do Carballiño. Penso que ela se sentiría moi honrada por este xesto.

É mágoa que todas nos puxeramos ao choio despois do seu pasamento. Algún día deberiamos repensar que estamos a facer para celebrar o labor das enormes creadoras que, por sorte, aínda están vivas e traballando na cultura do país.

Porén, aínda con ter todo o material que me puidese cumprir e verme acompañada por iniciativas como as xa mencionadas, eu tiña problemas coa miña encarga: a biografía que se me encomendara ía destinada a público infantil. Cuarto de Inverno estaba decidida a realizar unha edición moi coidada e completar o texto coas marabillosas ilustracións de María Brenn. En fin, que a cousa era moi seria e a min preocupábame non chegar a honrar nin a memoria de Bárcena nin os esforzos de Andrea Jamardo e David Cortizo. 

Temía non lograr contar ben á Dorotea que aos seis anos xa sabía que ía ser actriz. Desexaba con toda a alma desvelar ─no sentido máis recto da palabra─ a figura desa creadora completísima na que se converteu. Contar como acabou escribindo para que ela e outras coma ela puideramos ter un espazo digno, interesante e complexo nos escenarios; sen renuncias e sen sometementos ao que os dramaturgos homes tivesen designado para nós nas súas obras:

“Se non fose porque teño facilidade para escribir e puiden escribir papeis para min, eu non faría teatro. Tería quedado fóra de xogo. Escribir e dirixir permitiume crear papeis non só para min, senón para máis mulleres. Sempre busquei que o elenco fose esencialmente feminino, porque os que abundan son os elencos masculinos e os dramaturgos que escriben para homes".

Quería tamén que a pequena Doro de papel se acompañase das súas creacións máis queridas, os personaxes que inventaba na leira da casa dos seus avós no barrio vigués da Rola para evadirse dunha infancia gris e chea de carencias. E quería que, a carón deles, se mostrase como exemplo e compás para aquelas que queremos facer o que se supón que non debemos, unha guía para as que nos lanzamos a unha profesión que toda a nosa contorna nos desaconsella por estrafalaria e incerta, un modelo do que as nenas poidan botar man cando lles entre a dúbida ou lles fraquee a afouteza.

Finalmente, ben que mal, arrepúxenme aos medos e entreguei o libro a Cuarto de Inverno para que llo achegase ás lectoras coa esperanza posta en que lles servise a todas esas fins. 

O que non imaxinara é que puidese valer tamén, modestamente, para derrubar nas cabezas das adultas esa estatua de sal na que o machismo galopante do sistema cultural e mais a televisión pública ─que se supón que debe velar pola nosa identidade como pobo e ofrecernos contidos diversos e dignos─ parecían ter atrapado o seu espírito indomable. 

Mais, a xulgar polas opinións das lectoras, seica se logrou isto tamén de paso. Albízaras!

Fíxose esta vindicación sen pretendelo e feita queda. Debilitamos a pantasma de Amadora. Alégrome ben. Sigamos, que aínda queda medio palleiro por facer.

Contra a banalización e o baleirado dos nosos referentes, as mulleres temos o deber de recuperalos, devolverlles a súa integridade e ilos pasando de boca en boca.

Bicármonos co seu exemplo. 

Os compases dunhas guiarán a outras. Así foi como chegamos aquí e será así como avancemos ata o lugar que, en xustiza, nos corresponde.

Comentarios