Opinión

O suicidio de adolescentes e os estereotipos

O incremento dos suicidios, unha realidade oculta da que non se fala porque segue a ser tabú na sociedade actual. Segundo o INE antes da pandemia, no ano 2019,  suicidáronse en España 3.671 persoas e no 2020, 3.941 das que 300 tiñan entre 14 e 29 anos. O suicidio converteuse na primeira causa de morte entre a xente moza en España tras o confinamento.

Galicia é a segunda comunidade con maior taxa de suicidios, detrás de Asturias, e case o dobre que a media do Estado, segundo o Instituto de Medicina Legal de Galicia. O  pasado ano suicidáronse en Galicia máis de 300 persoas, o triplo de homes que de mulleres. Un problema estrutural do noso país xamais abordado debidamente, aínda que, en ocasións, hai intentos válidos como o levado a cabo na cidade de Pontevedra o pasado novembro, onde profesionais e persoas expertas analizaron desde diferentes ámbitos o alarmante aumento dos suicidios, nunha xornada organizada polo Dr. José Blanco, Xefe da Unidade de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Alí demandaron da sanidade pública máis medios para afrontar un plan de choque contra as enfermidades mentais e os suicidios en xeral, pero sobre todo para a etapa infanto-xuvenil, a peor tratada e con graves carencias no eido da prevención. Asemade, pediron á sociedade que se fale con naturalidade do suicidio, desbotando o mito de que iso provoca un efecto chamada.

As motivacións últimas da conduta suicida non están claras, nin nas persoas adultas nin nas adolescentes, quen amais están nunha etapa vital clave, de vulnerabilidade intensa, na que os cambios físicos, mentais e emocionais son moi fortes. Por iso, o feito de estar involucrados en situacións de violencia, sexa de parella ou familiar, acoso escolar ou ciberbullying, está considerado como un importante factor de risco para a conduta suicida.

Non podemos falar de suicidio na adolescencia, sen mencionar o risco emerxente que representan as novas tecnoloxías, especialmente as redes sociais.  Nestas novas canles de comunicación, a información, así como os retos e os xogos, non teñen control e están ao alcance de calquera.

Outro factor a ter en conta é o sexo: as menores semellan máis afectadas por intencións ou arelas suicidas, pero é maior a proporción dos rapaces que terminan por cometer este acto. Os mozos suicídanse tres veces máis que as mozas; elas, tentan o suicidio tres veces máis que eles. Para afondar nisto podemos analizar os datos recollidos polo "Teléfono de la Esperanza", onde o 65% das chamadas son de mulleres e o 35% de homes. O persoal profesional consultado, considera que en xeral aos homes resúltalles máis difícil compartir o que lles sucede e pedir axuda. Esta diferenza entre requirir ou non axuda, pode ser unha das razóns detrás da diverxencia entre as tentativas e a realización do acto suicida. E lévanos a outra conclusión: a importancia do tratamento e da identificación de determinadas actitudes, así como a creación de espazos que rachen cos estereotipos de xénero para que os e as adolescentes podan expresar as súas emocións nun entorno seguro.

Entre os factores precipitantes máis frecuentes en adolescentes están o descubrimento ou non aceptación da homosexualidade ou doutras formas de sexualidade non normativa, acoso, abuso sexual, violacións, desengano amoroso, embarazo prematuro, separación ou perda de amizades. Toda unha serie de situacións e sentimentos que deberían ser tratados a través dunha educación sexual de calidade que, até agora, non existe nos currículos de ningunha etapa educativa do país. E para agravar o panorama, coñecemos estes días o resultado da investigación levada a cabo por Rosa Mª Rúa, onde salienta que un 6,7% do profesorado de Secundaria (1.000 dun total de 16.000) opina que algunhas nenas compórtanse dun xeito sedutor e visten de xeito provocativo, incitando ao abuso sexual; ou que só un 37% do profesorado sabe como actuar diante dun caso de abuso, dos que apenas se denuncian un 15% para evitar que saia do ámbito familiar, ademais de cuestionar a veracidade do testemuño. Un panorama bastante desolador se non lle pomos remedio.

Comentarios