martes 20/10/20

Son unha muller maior

A partir da menopausa, as mulleres comezamos a ter determinados síntomas e se nos aplica o cualificativo de "maiores". Eses síntomas, como alteración do sono, aumento de peso, diminución da libido ou cambios bruscos de temperatura, os chamados "sofocos", non son vividos por todas as mulleres do mesmo xeito, por suposto, pero si que experimentamos todas unha mesma sensación, a preocupación e a novidade de xa non ser mozas. Aquí quixera lembrar eses versos tan acaídos de Jaime Gil de Biedma: "No volveré a ser joven. / Que la vida iba en serio / uno lo empieza a comprender más tarde... / Pero ha pasado el tiempo / y la verdad desagradable asoma: / envejecer, morir, / es el único argumento de la obra."

Á sensación do paso inevitable do tempo, e de que aquilo que marchou xa non volve, xúntase o temor a envellecer e a perder eses atributos que se lle atribúen á xuventude: ser forte, divertida, destemida, con mellor corpo... e temos medo. Temos medo porque na deshumanizada sociedade en que vivimos, e da que todas somos algo responsables, o culto á beleza, a procura do éxito e a tiranía do corpo, son valores en alza dos que xa imos quedando relegadas porque comezamos a transitar por un camiño que é o da decadencia e o deterioro físico que, unhas veces máis de súpeto que outras, impídenos manter ou reter o que fomos ou tiñamos. Temos medo porque temos que repensarnos, situarnos dun xeito diferente na vida. De feito, é unha nova etapa descoñecida, como cando pasamos da nenez á adolescencia e de aí á xuventude; e agora entramos nesa madurez que nos aproxima á vellez. O paso dunhas etapas a outras sempre tivo o seu aquel traumático, pero contábamos acotío con persoas maiores e maduras ao noso carón que nos axudaron nesa andaina; mais agora, cando es unha muller maior e madura, resulta que non é doado atopar outra persoa máis maior e máis madura ca ti que te acompañe.

Nesta etapa que comeza a partir dos 50 anos, ademais da perda de confianza nunha mesma, debido aos problemas de imaxe e ás dificultades que hai para atopar traballo a esa idade, podemos engadir a tristeza causada pola marcha das fillas e fillos que se independizan: o coñecido síndrome do "niño baleiro". Todos estes factores, aconsellan moitas veces ás mulleres o emprego dalgúns medicamentos na procura dun certo estado de relaxación e benestar, algo que, non obstante, vai afectar na diminución do desexo e na aparición de posibles dificultades nas súas relacións sexuais, problemas que xa estaban presentes coa chegada da menopausa. É, daquela, o momento de falar desta nova situación coa parella —se existe— ou coa xente achegada, sen esquecer a consulta coa nosa xinecóloga ou xinecólogo.

Partindo da base de que sentimos desexo e podemos ter orgasmos ata o final dos nosos días, trátase de atopar o tipo de relacións e prácticas sexuais acaídas a cada muller e a cada parella. Mais, para que este diálogo entre a parella sexa enriquecedor e satisfactorio, deberemos contar cun proxecto de vida en común, aínda que sexa por un breve período de tempo, con esa outra persoa. É preciso quererse e quererse ben, para preocuparse con agarimo das mudanzas que o paso do tempo ou determinadas enfermidades (a diabete, a hipertensión ou certos tipos de cancro) causan nos corpos das persoas que constitúen unha parella e ter o afán ou a ilusión de buscar o camiño para que o goce perdure. Aquí é onde penso eu que, se tivesemos recibido desde pequenas unha educación sexual na escola ou na familia, podería ser algo máis sinxelo iso de experimentar e indagar no corpo sen complexos nin tabús, así como rachar cos tópicos ou estereotipos que fan aparecer a culpabilidade feminina diante da diminución do desexo propia destes anos, como se fose unha perda da feminidade.

Existe a menopausa nas mulleres adultas e, aínda que algunhas persoas non o saben, os homes experimentan tamén certos cambios moi semellantes aos nosos nestes mesmos anos, o que se coñece como andropausa. Penso que conversamos pouco destes temas e da sexualidade das mulleres "maiores", menos aínda. Vai sendo hora.

comentarios