Opinión

Ser muller e non ser nai

"Tres Mulleres” é un poema a tres voces que a famosa escritora estadounidense Sylvia Plath lería en 1962 na radio da BBC en Londres, meses antes do seu suicidio.

Neste texto, tres personaxes femininos vanse alternando para contarlle ao mundo senllas perspectivas intensas e diversas acerca da súa relación coa maternidade. A primeira delas, reborda emoción e tenrura ante o nacemento do fillo e achégase ao “ideal materno”. A segunda, en troques, padece a causa da súa infertilidade, traducida en frustración por non poder cumprir o seu desexo e o da súa parella e, acaso tamén, coas expectativas da sociedade na que vive; paira, ademais, o medo a ser abandonada. A terceira muller, mentres, lamenta o seu embarazo e dá a luz pese a que non quere ser nai; ela atópase nunha fonda contradición entre o que quere fronte ao que debe facer, entre o que se agarda que sinta e o que realmente sente.

Cantas mulleres estiveron, e pode que aínda moitas estean, acompañando esta terceira voz? Lembro con preocupación e tristura a miña nai, preñada en doce ocasións. Unha gran muller que endexamais puido decidir se ter crianzas ou non, pola educación franquista da posguerra, pola presión da igrexa católica e, ao cabo, por estar casada con quen xamais respectou o único método anticonceptivo permitido daquela, o método Ogino, nin o emprego do preservativo, reservado para estar con “outras mulleres”. 

Poucas obras da literatura universal albiscaron o tratamento do tema da maternidade coa honestidade, a dor e a sensibilidade coa que Plath foi quen de facelo.

Uns anos antes e con esa obra icónica que é O segundo sexo (1949), Simone de Beauvoir abrira de par en par as portas ao debate do que significa ser nai, afirmando que a mirada patriarcal confina as mulleres á súa corporeidade reflectida na maternidade. Engadía, así mesmo, que “a anatomía non pode marcar o destino das mulleres”, relegándonos ao ámbito doméstico, privado e invisible; e que non debería existir unha máis valía en torno á maternidade, pois esta é una decisión de vida. 

Se botamos unha ollada ao pasado, enxergamos que a categoría de ser nai dentro da cultura occidental é unha construción socio-histórica, e que non é atemporal nin estática: en certas comunidades primitivas non se coñecía o orgullo da creación e o parto era considerado un accidente inútil e inoportuno; cando as sociedades humanas deixaron de ser nómades e xorde a división sexual do traballo, a maternidade convértese na característica fundamental das mulleres, a esterilidade era motivo de deshonra e as mulleres sen fillos ou fillas perdían o seu valor na sociedade. Coa revolución industrial aparece un novo rol para as mulleres dentro das fábricas, pero sen abandonar os seus labores domésticos e o coidado das criaturas. Xa no século XX, a aparición da píldora anticonceptiva (1956) representou unha gran transformación na sexualidade das mulleres ao separar reprodución e pracer; asemade, permitiu planificar a maternidade ou elixir ser nais ou non, como unha decisión libre, autónoma e consciente, ao marxe de requirimentos sociais e culturais.

A segunda onda do feminismo dos anos 60 e 70, á calor dos movementos sociais e políticos da época, levantouse, como era necesario, contra a “santísima maternidade”, conseguindo avances importantísimos en materia de contracepción e do dereito ao aborto. Porén, esta rebelión acabou negando o feito mesmo de ser nai, e mesmo nalgúns ámbitos caeu nun certo discurso antireprodutivo.

Coa obra de Adrienne Rich, Nacida de muller (1978), o feminismo comezou a reconciliarse coa maternidade. Non se trataba de rexeitar a maternidade per se, senón no senso establecido polo patriarcado, rematar coa “institución maternal”, xeradora de sometemento, e defender o corpo da muller, o noso físico, a nosa bioloxía, “como un recurso, non como un destino”. Xorde entón un reencontro coa maternidade que, non obstante, non debería levarnos a sacralizala de novo. 

Ser muller non leva de seu ser nai e non deberíamos ter que dar explicacións decontino ou sacralizar o que tan só é unha escolla de vida.

Comentarios