Opinión

Salima Naji: a eco-arquitectura e o saber ancestral

Podemos inspirarnos no pasado para crear as vivendas que respondan ás necesidades do noso futuro? Esta é a teima na que a arquitecta e antropóloga marroquí (con formación tamén en Belas Artes) Salima Naji está debruzada desde hai máis de 20 anos. Formada en Francia, regresou ao seu país natal onde se sente moito máis útil para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio propio que, como consecuencia da subordinación sufrida no período colonial (1912-1956), quedou asimilado a algo primitivo e menosprezado. Desa época vén o antagonismo entre "beldi" (tradicional) e "asri" (moderno) ou a coñecida oposición medina indíxena/vila europea. Arestora, o traballo de Naji promove no país unha corrente favorable á cultura das construcións bioclimáticas, valorizando e modernizando a arquitectura tradicional.

Co gallo da Conferencia Mundial sobre o Cambio Climático, celebrada en Marrakech no 2016, realizouse o filme Eco-construction dans le sud du Maroc coa colaboración de Salima, que puxo o foco sobre esas construcións colectivas en adobe tan suxestivas como os "Ksar" ou as "Kasbah", poboacións fortificadas, ou os "Agadir", celeiros colectivos, todas elas acaídas para afrontar os efectos causados polo cambio climático. Porque no futuro, ademais de asegurar o benestar da veciñanza, as construcións deberán ter en conta o impacto ambiental no que se refire aos recursos empregados, o custo enerxético, a emisión de gases con efecto invernadoiro, a duración das obras, os residuos xerados e a posibilidade de reutilización.

Este desafío global, resulta aínda máis urxente nas áreas de climas áridos e altas temperaturas, como xa apuntou o arquitecto exipcio Hassan Fathi (1900-1989), chamado o arquitecto das persoas pobres. Sen dúbida un dos pais da arquitectura sostible e vernácula, recuperou antigas técnicas de construción realizadas con materiais da zona para poñelas ao servizo dunha arquitectura moderna. Fathi, decatouse das propiedades do adobe, as arxilas e as areas secadas ao sol e mesturadas con palla, como material construtivo accesible e barato. A mestura destes materiais proporcionaba, ademais, un excelente illante térmico que resultaba moi eficaz no deserto para se protexer dos grandes contrastes de temperatura entre o día e a noite.

Neste marco atopase o traballo que Salima Naji realiza en Marrocos coa colaboración de institucións nacionais e locais e co apoio financeiro de organismos internacionais, para difundir esta nova cultura das construcións bioclimáticas a través do rescate de tecnoloxías do pasado e saberes que aínda persisten nas comunidades locais.

Particular interese ten a aplicación destes principios innovadores en obras de interese social como centros de saúde, casas de maternidade, bibliotecas, escolas, locais culturais…, para ofrecer á poboación espazos públicos de maior calidade e máis saudables ao substituír o aire acondicionado por elementos como os captadores, reguladores ou saídas de aire tendo en conta os ventos dominantes e as correntes, as celosías para suavizar a luz ou a colocación de fontes de auga nas paredes ou no chan que refrescan o ambiente.

Todas as obras realizadas por Salima por Marrocos adiante, teñen os seguintes elementos en común: fan uso de materiais locais que precisan dos coñecementos dos artesáns, o uso do cemento está reducido ao mínimo; rescatan formas arquitectónicas tradicionais que permiten crear espazos saudables e agradables, onde diminúe moito o consumo enerxético; as obras realízanse coa participación de traballadores locais que aportan os seus saberes coa perspectiva de crear cadeas produtivas de construción ecolóxica e formar una nova xeración de artesáns que contribúa a fixar poboación.

Recoñecida por prestixiosos premios relacionados coa arquitectura sostible, podemos achegarnos ao traballo de Salima Naji a través das súas publicacións: Art e architectures berbères du Maroc e Greniers collectifs de l´Atlas ou Architectures du bien commun: Pour une éthique de la préservation, entre otras; ademais de no seu sitio web: https://salimanaji.com, con abundante información e fermosísimas fotografías.

Comentarios