Opinión

Por unha perspectiva de xénero na medicina

Dúas mulleres irromperon nos medios con forza nos pasados días, a doutora catalá Carme Valls, autora do libro Mujeres invisibles para la medicina que recolle o froito de 20 anos de investigacións e a matrona do Hospital de Verín, Belén Vázquez, que ven de defender con moito éxito a súa tese doutoral Depresión en el embarazo y postparto: prevalencia y factores asociados. Ambas profesionais veñen de poñer enriba da mesa o descoñecemento que da saúde das mulleres ten a medicina, a brecha de xénero existente e a persistencia de prexuízos e de estereotipos na ciencia. Faltan estudos da diferenza do comportamento das enfermidades en mulleres e homes e falta preparación, en moitos casos, no persoal sociosanitario para ir máis alá das doenzas físicas e preocuparse do estado psicolóxico e do entorno social das pacientes.

De estereotipos e de ausencia de protocolos no Sergas para detectar a depresión durante o embarazo e despois do parto, é do que nos fala Belén Vázquez na súa investigación, realizada a case 600 nais da provincia de Ourense. Nas súas palabras: “A maternidade está idealizada e non se permite manifestar sentimentos adversos, e cando se fai, na maioría dos casos, banalízase e ridiculízase ás mulleres”. É un tema tabú a relación de embarazo e depresión, non hai datos, non se ten en consideración esta posibilidade e, polo tanto, non se pode prever a enfermidade.

É un tema tabú a relación de embarazo e depresión, non hai datos, non se ten en consideración esta posibilidade e, polo tanto, non se pode prever a enfermidade.

Outras dúas mulleres foran pioneiras na falta dun coñecemento científico da diferenza; estamos a falar da cardióloga americana Bernardine Healy, primeira muller directora dos Institutos da Saúde nos EEUU, e da profesora de Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía da Universidade de Oviedo, Marta González García. A primeira, acuñou a expresión “síndrome de Yentl” en 1991 para referirse á invisibilidade médica da muller. Tomou o termo do filme Yentl no que a protagonista deberá invisibilizarse e vestir de home para poder estudar nunha escola talmúdica. A Dra. Healy observou como a mortalidade por infarto de miocardio era maior en mulleres que homes cando, sen embargo, estaban a ser menos diagnosticadas e menos tratadas desta doenza que os homes. O motivo? Os diferentes e descoñecidos síntomas segundo o sexo e unha menor percepción do risco nas mulleres cara a enfermidades cardiovasculares.

Desde os anos 90, dinos Carme Valls, aumentou máis dun 30% a investigación científica con mulleres (antes só se facía con homes e animais machos), pero a brecha de xénero continúa nas consultas médicas onde o persoal apenas está formado, xa que a medicina con perspectiva de xénero aínda non foi incorporada ás facultades e o alumnado remata os estudos e comeza a tratar doentes sen acreditar nas diferenzas entre sexos na forma de ser, de enfermar ou nos efectos dos fármacos. Consecuencia disto, son as salas de espera dos médicos e médicas de familia con maior presenza feminina, en ocasións, mal diagnosticada e moi medicada ante o descoñecemento e atraso na diagnose. Sabiades que o 85% dos psicofármacos se receitan ás mulleres e máis do dobre de analxésicos que aos homes?

A medicina con perspectiva de xénero aínda non foi incorporada ás facultades e o alumnado remata os estudos e comeza a tratar doentes sen acreditar nas diferenzas entre sexos na forma de ser, de enfermar ou nos efectos dos fármacos.

Histeria, neurastenia, depresión ou ansiedade son diagnósticos habituais nas mulleres: un caixón de xastre cando non se pescuda o que agachan unha dor estraña, unha forte fatiga ou un desacougo habitual.

A profesora González García subiu outro chanzo máis na disparidade de xénero, ao publicar La medicalización del sexo. El viagra femenino (2015) onde se pregunta que é a disfunción sexual feminina, como se diagnostica e como se trata, porque desgraciadamente para as farmacéuticas non existe aínda un “viagra rosa”. O desexo nas mulleres non pode ser tratado pola medicina sen ter en conta as normas da sociedade, as relacións de poder e o patriarcado, pois a saúde de mulleres e homes é diferente no eido biolóxico e desigual dende o punto de vista social.

Malia o desolador panorama que a Dra. Valls denuncia, anímanos ás mulleres a un renacemento persoal e pecha o seu libro cunha invitación a gozar da vida polo camiño da transgresión e do autocoñecemento, aprendendo a ser libres mediante o estímulo da nosa sensualidade.

Comentarios