Opinión

As mulleres da guerrilla, as grandes esquecidas

"As mulleres son as grandes esquecidas das nosas investigacións sobre a guerrilla. Por iso, fixen agora este artigo. Para rebelarme contra min mesmo. Porque fun eu o primeiro que me deixei levar polo prexuízo machista das fontes. Silenciei ás mulleres porque non aparecen na documentación elaborada naquel tempo". Son palabras do historiador da Costa de Morte, Fernando Vidal, que no coleccionable editado por Nós Diario 'As guerrillas galegas ao descuberto' participa co traballo Balbina Pedro Carril e outras mulleres, detidas e condenadas por colaborar coa insurxencia.

Se no apoio á loita guerrilleira como colaboradoras a súa presenza foi indiscutible (cerca do 40% en todo o Estado e do 50% en Galicia e Asturias, segundo a historiadora berciana Alicia Prada), non deixa de ser abraiante que a súa incorporación á guerrilla supoña tan só un 2%, unhas 150 mulleres combatentes en todo o Estado. Ou, se acaso, o feito non sexa tan sorprendente se acreditamos na dependencia e o menosprezo que o colectivo feminino aturaba naqueles tempos, pois só no tempo republicano a muller comezou a ocupar a esfera pública e ser dona de seu.

A profesora da USC Ana Cabana, tamén colaboradora do coleccionable, afirma: "Nas causas militares e nos informes de Gobernación civil destaca o número de mulleres acusadas, procesadas e represaliadas pola súa colaboración coa guerrilla. Aparecen mulleres de todas as idades e tanto viúvas como solteiras ou casadas... Cómpre dicir que o trato que recibiron por ser mulleres, en caso de intuír as autoridades que eran apoios ou por ser descuberta a rede de enlaces, era absolutamente vexatorio á hora de ser tratadas por gardas civís, falanxistas ou diante dos tribunais, que as despolitizaban, aldraxaban e violentaban de maneira frecuente, valéndose de violencia física e verbal".

Son as colaboradoras da guerrilla dobremente esquecidas, dun lado pola desmemoria e a difamación desatada polo franquismo, sobre todo o movemento insurxente en xeral; doutro, porque as mulleres da guerrilla confrontaron cos roles sexuais propiciados polos golpistas. Así, desde a propaganda do réxime foron tratadas de "queridas dos bandoleiros", "putas dos roxos", "fulanas do monte", "marimachos"…Tratábase de castigar ás disidentes culpables de ter atentado contra a xerarquía dos sexos, como recoñece a profesora Odette Martínez-Mahler, filla do combatente Francisco Martínez López 'Quico', no seu traballo sobre as mulleres na guerrilla antifranquista.

A meirande parte das mulleres que se botaron ao monte, fixérono en circunstancias semellantes ás dos homes, por estar en perigo a súa vida tras ser descubertas como enlaces ou polos seus vínculos cos guerrilleiros, mais tamén para fuxir dos castigos e vexacións que sufrían por ser diferentes, como lle aconteceu a Teresa Domínguez Prada, da Veiga do Bolo, malchamada "la bruja de Espiño", que rematou coas súas tres fillas na partida guerrilleira de Corzos-Xares. 

Unha vez na guerrilla a súa vida non resultou doada, pois algunhas pariron en condicións moi duras e as crianzas xeralmente entregáronse a familias que podían encargarse delas. Nas propias partidas, foron maiormente destinadas a labores secundarios como a intendencia ou a vixilancia, desvalorizándose para uns e para outros (se acaso tamén para elas mesmas) como combatentes.

Aínda que algunhas ían armadas e vestidas como os homes, non adoitaban tomar parte nas accións que os grupos levaban a cabo. Unha das poucas protagonistas destas accións foi a valdeorresa Consuelo Rodríguez 'Chelo', de Soulecín, que, cando foi descuberta como enlace, botouse ao monte formando parte da Federación de Guerrillas León-Galicia e interveu en varios enfrontamentos contra as forzas de seguridade. Daquela e ata o seu exilio en Francia, o combate antifranquista da 'Chelo' desenvolveuse en varias frontes, nas que apenas había separación entre o persoal e o político: a súa condición de guerrilleira armada, de muller politicamente consciente e de muller libre, estiveron decote mesturadas no seu devalar. E houbo máis mulleres coma 'Chelo'.

É unha historia que, aínda, precisa ser contada.

Comentarios