Opinión

As miñas amigas rifeñas

Debemos falar de “mulleres” e non de muller en Marrocos, como en calquera outro lugar. A muller non é unha categoría única e homoxénea, xa que fronte ao feito de ser muller e sufrir as consecuencias do patriarcado por selo, reaximos ou convivimos con esa situación de xeitos moi diferentes segundo os países, as circunstancias ou dependendo do tempo que nos tocou vivir.

Cando se fala da situación da muller en Marrocos, de que estamos a falar? Dunha muller submisa, tapada, chea de crianzas e relegada unicamente ao ámbito privado? Esta situación mudou bastante, aínda que menos do desexado, como acontece noutros países dos chamados “desenvolvidos”. Certas reformas lexislativas como a realizada en 2004 do Código da familia ou Mudawana, mais sobre todo o activismo e a loita de moitas mulleres ao longo do país organizadas en diversas asociacións feministas, na AMDH (Association Marocain des Droits Humains) ou dentro do partido de esquerdas, Vía Democrática, creado na clandestinidade en 1995 e legalizado “sui generis” no ano 2004, son algúns dos alicerces dos avances conseguidos.

Velaí, estas breves semblanzas rifeñas: S. é administrativa nun instituto de ensino secundario, nunca levou velo ou pano cubrindo a cabeza, viaxa soa dentro e fora do país cando é preciso, ten dúas fillas (unha delas estudando Medicina en España), non é crente e ten bastante ben organizado coa súa parella o asunto da corresponsabilidade das tarefas domésticas e os coidados. A., unha empregada de banca recén xubilada, divorciada do seu primeiro home marroquino, co que tivo varios fillos, e logo casada de novo cun español. Hoxe viúva, participa decote en actividades culturais e de lecer organizadas por colectivos ou asociacións con sede no Rif. Z., é unha das cabezas visibles do “Forum de Femmes au Rif”,  principal asociación de mulleres no territorio rifeño e ademais membro da dirección da AMDH no norte de Marrocos, arrisca a súa situación cada día, defendendo e apoiando ás persoas encarceradas por pertencer ao Hirak ou movemento popular que xurdiu no Rif no 2016, e ao mesmo tempo impulsa proxectos, coa axuda de Cooperación Internacional, para a creación de cooperativas de mulleres que pretenden acadar certa autonomía e independencia económica nas súas vidas. S., casada aos 16 anos para liberase do abafante control paterno, tivo tres fillos moi nova. Agora divorciada do seu home de nacionalidade marroquí, dirixe varios centros públicos dedicados á formación profesional de mulleres soas e sen recursos, para facilitarlles unha inserción no mundo laboral. Pouco convencional no seu xeito de vestir, colabora activamente en actividades culturais e deportivas que se desenvolven no Rif e coordina o funcionamento dunha biblioteca de recente creación na cidade de Al Hoceima. R., farmacéutica e dona da súa farmacia, nunca casou nin quixo ter fillos, é unha muller moi independente persoal e economicamente que ten, mesmo, ao seu cargo a mantenza dalgún dos seus irmáns. Boa xogadora de tenis, deporte que practica nun club onde non acoden a penas outras mulleres. N., profesora de Lingua árabe, viste con xilaba e pano na cabeza, organiza excursións co seu alumnado e viaxa varios días con outros profesores, sen importarlle se son homes ou mulleres.Ten dúas fillas, a maior vive soa noutra cidade e traballa nun banco, mentres a pequena está a rematar Medicina en Tunicia.

A vida destas miñas amigas é unha pequena mostra desa teima constante e cotiá que as mulleres, alí onde esteamos, sabemos que debemos emprender para acadar igualdade de dereitos e as mesmas oportunidades que os homes, dentro dunha sociedade máis xusta e máis libre. Non poucas mulleres rifeñas (e marroquís en xeral) acreditan nisto; daquela, nas últimas décadas o Movemento Feminista converteuse nunha das forzas máis dinámicas e transformadoras do Reino alaouita, onde desenvolve unha importante actividade tanto no mundo rural como no urbano, con propostas moi diversas e acaídas a cada zona e situación, sempre coa loita a prol dos dereitos humanos como obxectivo transversal.

Comentarios