Opinión

Masculinidades

Tras un novo 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, cómpre facer algunha reflexión que nos permita comprobar como está a situación no noso país e arredores.

Entre outros acontecementos, ese día quedou marcado pola onda expansiva que creou, a "performance" do grupo chileno Las Tesis Un violador no teu camiño. Milleiros de mozas saíron en moitos países para dar un berro colectivo contra a impunidade na que se moven non poucos agresores sexuais, amparados e protexidos en moitas ocasións pola policía, polo poder xudicial e polo estado. As reaccións non se fixeron esperar, desde a anecdótica saída de ton dun membro de Novas Xeracións do PP de Galicia, ata colectivos de homes con trazos de fanatismo relixioso en varios países de Latinoamerica, ou a detención e condena de sete xoves a dous anos de cárcere na Turquía de Erdogan por cantar en público o "himno" de Las Tesis.

Nestes mesmos días fixéronse virais nas redes sociais dous vídeos creados pola "Fundación AVON para las mujeres", claramente reivindicativos e confrontados contra a violencia de xénero e o acoso dixital. Ambos vídeos teñen homes como protagonistas; nun deles, un fillo fai recoñecer ao seu pai que debe mudar a relación de dominio coa súa nai e, noutro, un mozo recrimina a un amigo polo dano causado a unha rapaza da que difundiu polas redes unha foto íntima.

Non entro agora no debate do oportunismo político desta e doutras marcas famosas, que fan de cando en vez campañas chamadas "feministas". Aproveito este feito para dicir que, tras estes dous vídeos, rulan polas redes mensaxes pro-feministas que desexan mudar unhas formas de relación de dominio patriarcal, que en nada contribúen ao benestar e á felicidade das mulleres e dos homes.

Posturas activas de homes contra a violencia machista, pola diversidade sexual, pola igualdade de oportunidades e contra os estereotipos de xénero, entre outras cousas, é algo que moitas feministas botamos en falta nos últimos tempos. Semella que, diante do avance das diferentes manifestacións do movemento feministas nesta última década, non poucos homes recúan, non atopan as palabras precisas ou o lugar acaído desde onde dicilas, ou realmente se consideran ameazados. Unha mágoa.

Ao longo dos anos 90 e sobre todo no comezo do século XXI, xurdiron por todo o Estado diversos colectivos de homes pola igualdade que tentaron abrirse a outros homes e á sociedade en xeral, así como solidarizarse e simpatizar coas reivindicacións e a loita feminista. Foron anos de ilusión e novidade, de "dar a cara polas mulleres", de preocuparse pola formación da xente nova e de loitar por unha convivencia entre iguais máis alá dos xéneros.

Froito desa inquietude pola educación como principal ferramenta de cambio, aparece o Proyecto Arianne, 1995-1998. Masculinidades y educación. “Ampliar los horizontes masculinos y femeninos: Las expresiones de las masculinidades en la adolescencia”, da man de dúas persoas de referencia: Fernando Barragán e Amparo Tomé. Un proxecto financiado pola UE, que involucraba oito países europeos, entre eles o Estado español.

Aos poucos, no ano 1995, publicaba Chis Oliveira o seu libro, verdadeira guía para moitas de nós, Eros: Materiais para pensar o amor. Eis, unha aposta decidida contra a violencia sexual e a escravitude dos estereotipos.

Logo, Erick Pescador traballou desde o ano 2.000 en Centros Educativos na investigación-acción para a prevención da violencia machista desde a perspectiva das masculinidades, a través do Proyecto Ulises. Un proxecto que tiven a sorte de coñecer polo miúdo, xa que foi aprobado de xeito piloto para dous centros galegos, un na Coruña e o outro en Pontevedra: o IES A Xunqueira I, onde eu traballaba. Unha experiencia que, por certo, a Xunta de Galicia xa non renovou ao ano seguinte.

Ademais destas actuacións no ensino, comezan a aparecer en diferentes territorios colectivos como Homes galegos pola igualdade en Galicia, impulsado por Celso Taboada desde Lalín; Hombres por la igualdad de género AHIGE en Catalunya; Piper Txuriak (Grupo de hombres por la igualdad) en Bilbao; "Codo a codo. Asociación de hombres por la igualdad en Palencia; Prometeo. Hombres por la Igualdad de León…

Lendo os obxectivos e fins que propoñían, e aínda propoñen nalgúns casos, atopamos uns bos vimbios para facer o cesto dunha nova sociedade igualitaria. Poño por caso:

- "Sensibilizar aos homes para mostrar un rexeite absoluto ao machismo e ás súas violencias, asumindo que somos parte do problema e debemos implicarnos activamente na solución". (Prometeo)

- "A partir dunha base común, debemos indagar no camiño propio que os homes deben desenvolver para rematar co machismo e fomentar o crecemento persoal e social en igualdade". (Codo a codo)

- "Un home pola igualdade é aquel que ten un proxecto de cambio persoal e estao levando á práctica. Por iso reconsidéranse unha gran parte das súas posicións, actitudes e condutas, que entende están determinadas polo seu proceso de socialización sexista e patriarcal". (AHIGE)

- "Un espazo de compañeirismo e reflexión entre homes, onde entender como nos afecta o sexismo e as consecuencias de ser home. A nosa meta é mudar nós e mudar a sociedade". (Piper Txuriak)

- "Reflexionar sobre o rol tradicional dos homes na nosa sociedade, participar no cambio social e loitar contra os estereotipos de xénero, porque o silencio fainos cómplices". (Homes galegos pola igualdade)

Tamén podemos botar man dos bos traballos publicados desde hai anos por homes comprometidos co feminismo, como o devandito Fernando Barragán, Luis Bonino, Miguel Ángel Arconada, Miguel Lorente, Octavio Salazar, así como os galegos Jorge García e Enrique Latorre, entre outros.

Conclusión: As mulleres precisamos, e mesmo a sociedade enteira precisa, dunha presenza máis activa e belixerante de homes transformadores e capaces de dar a coñecer esas novas e diversas masculinidades, que rachen co modelo unívoco e hexemónico que o patriarcado leva séculos impoñéndonos a mulleres e homes.

Comentarios