Opinión

Hai 50 anos en Boston

Neste ano 2021 que vén de rematar cumpriuse  o  50  aniversario  da  publicación  dun  libro  emblemático  para  o  movemento  feminista  e  para  a  saúde das mulleres "Our Bodies, Ourselves" (OBOS), "Os nosos corpos, as nosas vidas".En 1969, na segunda onda do feminismo, o  Movemento  de  Liberación  das  Mulleres  (WLM)  organiza  o  seminario  "As  mulleres  e os seus corpos" no Emmanuel College de Boston.  A  sala  está  a  rebordar  de  mulleres  que  acoden  alí  para  saber  máis  dos  seus  corpos,  da  súa  sexualidade,  da  súa  saúde  e  das  súas  relacións.  Xorden,  daquela,  numerosos debates entre as bostonianas para reclamar  á  ciencia  médica  unha  visión  de  xénero  que  dea  resposta  a  moitos  dos  seus  interrogantes e preocupacións.

Un ano despois, un fato de doce mulleres de idade comprendida entre 23 e 39 anos, crean a  organización  feminista  Colectivo do Libro da Saúde das Mulleres de Boston, e son quen de editar "As mulleres e os seus corpos", unha publicación de case 200 páxinas grampadas a man por elas, que venden a 75 centavos. Este libro,  que  recolle  as  conclusións  dos  debates  realizados,  así  como  experiencias  persoais,  posibilitou o autocoñecemento a moitas mulleres  e  ademais  deu  unha  perspectiva  feminista á medicina. O interese que provocou foi tan  considerable,  que  unha  nova  edición  corrixida e ampliada veu a luz en 1971, co título "Os nosos corpos, as nosas vidas" que comezaba dicindo: "Tendo o control dos nosos corpos, teremos o control da nosa vida". Venderon clandestinamente 250.000 exemplares e, desta volta, tan só a 30 centavos.

Semellante  éxito  fixo  que  o  Colectivo acordara  coa  editorial  Simon  &  Schuster sucesivas  edicións  do  libro,  cun  desconto  do 70% para clínicas de mulleres sen ánimo de  lucro.  No  albor  dos  anos  70  este  libro  e  as  súas  autoras  eran  vangarda.  Falar  da  liberación da muller significaba poñer enriba  da  mesa  temas  complexos  e  delicados,  pero  urxentes  e  necesarios,  como  a  saúde  sexual,  a  menstruación,  a  maternidade,  a  menopausa, o aborto, a violencia de xénero e a orientación sexual, entre outros.

Desde o ano 1974 véñense facendo traducións  e  adaptacións  a  diferentes  contextos  e  países,  a  última  en  2011.  Van  millóns  de  libros vendidos e pódese atopar en 33 idiomas, mesmo no alfabeto Braille. As primeiras traducións fixéronse para a comunidade hispana  de  EEUU,  por  iso  no  Estado  español circulaba desde os anos 80 unha versión chicana, pero non apareceu a tradución española ata 1982 e na editorial Icaria. Desde o ano 2000 o libro recibiu múltiples premios e mencións; así, a revista Time situouno entre os mellores libros de non ficción e  a  Biblioteca  do  Congreso  estadounidense  considerouno un dos 88 libros que máis influíron na sociedade norteamericana.

No   2018   tivo   lugar   unha   mudanza   relevante  na  xestión  das  publicacións,  da  web  e  no  blog  deste  Colectivo   de   mulleres que, desbordadas polo  traballo  e  a  extensión  do  proxecto,  confiaron a organización e a coordinación a   persoas   voluntarias. Ao tempo, xurdiu en colaboración co Centro  para  a  saúde  e  dereitos  da  muller  da   Universidade   de   Suffolk en Boston, de grande  prestixio  internacional, a idea de converter Our Bodies, Ourselves (OBOS) Today  nunha  plataforma online con presenza nas redes sociais a partir  da  primavera  de  2022,  co  obxectivo  de aportar información actualizada e inclusiva sobre saúde e sexualidade.

O  libro  foi,  de  certo,  un  dos  alicerces  da  segunda  onda  do  feminismo,  mais  tamén  exerce unha influencia actual. As edicións seguen a percorrer o mundo alentando novas  publicacións,  nas  que  o  Colectivo  do Libro da Saúde das Mulleres de Boston colabora, como en "Envellecer xuntas" (1993) ou   "Corpos  trans,  seres  trans"   (2014).

Arestora, o Colectivo continúa a se reunir, a debater e a pensar no feminismo e no lugar das mulleres na sociedade, denunciando na súa  web  feitos  que  revelan  a  falta,  a  día  de  hoxe, dunha visión de xénero na medicina: eis,  menos  do  20%  dos  ensaios  clínicos  de  VIH  fanse  con  mulleres,  cando  na  actualizade máis da metade das persoas enfermas son mulleres, ou que ao ano no mundo hai 5  millóns  de  mulleres  hospitalizadas  como  consecuencia  de  abortos  ilegais,  das  cales morren 47.000. Isto, 50 anos despois.

Comentarios