mércores 03.06.2020

Feminismo marroquino: fé de vida

Desde a mítica Al-Kahina, raíña e guerreira bereber que combateu a expansión arabo- islámica polo Maghreb no s. VII, ata Zohra Koubia, presidenta arestora de "Forum de Femmes au Rif", principal organización de mulleres no norte de África, existe unha longa traxectoria de mulleres activistas pola democracia, contra as guerras coloniais e a prol dos seus dereitos.

Raíñas como Subh e Zaynab al-Nafzawiyya son lembradas na historia do Maghreb pola súa valentía e intelixencia; houbo grandes poetas na Corte de Granada tal que Nazhum bint al-Quila´i e Hafsa ar-Rakuniyya e tamén embaixadoras diante de reinos europeos como Oum el-Ez Ettaba ou Dawiya, correndo o s. XVIII. Caso especial, que aínda arrepía lembrar, é o da poeta e cantante Kharboucha, que animou as loitas dos Oulad Zayb (tribo da zona de Safi) contra a tiranía do Makhzen, o poder central, a fins do s. XIX. Detida e torturada ata a morte, os seus cantos non coñeceron fronteiras e a súa vida inspirou artistas marroquinos, que levaron o seu combate á literatura, o cine e ao teatro.

Ás veces, os poemas eran verdadeiras arengas contra o colonialismo francés ou español, caso da poeta e cantante analfabeta Taougrat Oult Aïssa, verdadeira líder popular dunha aldea do Medio Atlas que, nas súas creacións, chama as mulleres a combater a carón dos homes contra o exército invasor. Algo semellante acontece con Miririda N´aït Atiq, nacida en Tassaout (sur de Marrocos) no abrente do s. XX: poeta, cantante e feminista iletrada, que ergue a súa voz contra as estruturas patriarcais. Os seus poemas, publicados en Francia no ano 1959, así como o seu devalar vital (exerceu a prostitución para non ter que casar) son actos subversivos que rexeitan todo tipo de poder e de autoridade.

Unha das pioneiras do movemento feminista moderno foi Malika al-Fassi, única muller que asinou o Manifesto da Independencia entregado ás autoridades francesas en 1944, no medio de 66 sinaturas masculinas. A súa posición como membro destacado na dirección do partido nacionalista L´Istiqlal, permitiulle loitar pola educación das mulleres en Marrocos e polo dereito ao voto feminino, conseguido no ano 1963.

Outra dona debruzada en conseguir o acceso ao ensino secundario e superior das súas compatriotas foi Touria Chaoui, primeira muller piloto no Maghreb, asasinada en 1956 con tan só 19 anos polo seu compromiso coa independencia do país e coa liberación das mulleres. Nunca foi clarexada a súa morte e podemos considerala unha das grandes esquecidas da Historia.

A chegada dos anos 70 e a morte da militante de esquerda e feminista Saïda Menebhi tras unha folga de fame no cárcere de Casablanca, temido centro de tortura, puxo de manifesto a loita das mulleres e a súa presenza na esfera política.

A partir deste intre vai agromar con máis forza o feminismo en Marrocos e as mulleres comezarán a esixir a paridade cos homes en todas as estruturas e polo tanto a ocupar postos de responsabilidade; este é o caso de Khadija Rhamiri que, formando parte da dirección da UMT (Union Marocaine du Travail) acadou a feminización do sindicato, incluíndo reivindicacións específicas da muller traballadora. Tamén de Hakima Chaoui, membro do Secretariado nacional da OMCT (Organisation Mondiale Contre La Torture) e poeta, ameazada e agredida en varias ocasións por membros de partidos islamistas polos seus textos en defensa dos dereitos das mulleres. Ao cabo, Khadija Ryadi, enxeñeira e funcionaria no Ministerio de Finanzas, foi a primeira muller en presidir a AMDH (Association Marocaine des Droits Humaines) e recibiu o Premio dos Dereitos Humanos da ONU no ano 2013.

E rematamos esta breve ollada ás combativas mulleres de Marrocos coa figura citada ao comezo: Zohra Koubia, fundadora (1998) do “Forum de Femmes” e membro da dirección da AMDH. Militante de esquerda moi activa en ambos os colectivos, defende que a confrontación contra o patriarcado leva de seu a loita contra os réximes autoritarios e que co avance do feminismo e a democratización da sociedade, poderá mudar a situación política do Reino alaouita. Para elas, todo o noso apoio.

Feminismo marroquino: fé de vida
comentarios