Opinión

A diversidade nas nosas aulas

No outono de 2016, un diario de tiraxe estatal publicaba un artigo titulado “O profesorado abre as portas do armario: ‘É unha responsabilidade co alumnado LGTBI’”. Nel, dúas profesoras e un profesor contaban como deran a coñecer a súa homosexualidade no centro de ensino onde traballaban e, máis que nada, fixérono polo alumnado: "É moi duro medrar sen referentes, ser un ou unha adolescente LGTBI e non ter nada co que identificarte", "os centros de ensino non están libres de machismo e homofobia e iso leva a ter medo ás reaccións das familias, do alumnado, aos insultos, ao acoso e aos prexuízos". Ao fío do artigo, un ex alumno meu publicaba en facebook o seguinte comentario: "Hai 20 anos cando eu estudaba no instituto tiven un par de profesores que xa traballaban sobre a identidade e a orientación sexual desde dous campos tan distintos como a filosofía e a lingua e literatura, sen pertencer ao colectivo LGTB. Facíano de dúas formas diferentes, pero de xeito tan normal que o que suscitaban era o debate... traballaban polo empoderamento de cada quen para descubrir, crear e presentar a súa identidade e orientación sexual, respectando a allea...". E remataba dicindo: "Grazas pola vosa implicación como cidadás". Daquela, comprendín a importancia das nosas actitudes nas aulas.

Hai pouco, asistín a unha xornada de formación organizada polo Concello de Pontevedra dentro do programa “Pinto e Maragota” sobre A diversidade sexual e de xénero nas aulas. Materia pendente? Certamente, aínda é unha materia pendente e así ficou demostrado na enquisa LGTBIQA+ realizada nos centros de Secundaria en Pontevedra. O 20% do alumnado sitúase no colectivo LGTBIQA+, un 24% deste grupo recoñece ter sufrido algún tipo de agresión e o 20% sentirse excluído, nalgún intre, no eido educativo. Cando aínda un 60% do alumnado con diversidade sexual o de xénero ten medo a "saír do armario" e o 14% considera que o instituto non é lugar seguro, debemos preguntarnos que papel está a xogar o profesorado? Como é posible que case un 10% do alumnado considere que a transexualidade e a homosexualidade son enfermidades con remedio?

Responderon á enquisa por volta de 900 persoas, das cales só 35 son profesorado. É que non teñen interese pola diversidade? Non se consideran con formación para abordar estes temas? Non valoran a importancia de poder axudar ao desenvolvemento da identidade e a formación integral do seu alumnado? Nesa xornada, a pediatra Inés del Río comezou e rematou a súa intervención convidándonos a "re-debuxar o xénero"; só deste xeito poderemos facer un mundo libre de exclusións. E para iso, primeiro cómpre ter sensibilidade dabondo para ver a dor na faciana do alumnado e logo, iso si, contar con recursos e apoio da Dirección do centro e da Administración.

Trátase de levar á práctica o que xa temos; velaí a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación LGTBI en Galicia, que no seu Título II, Capítulo V fala de medidas no ámbito da educación, e nos artigos 22 ao 26 recomenda a inclusión da realidade LGTBI nos plans de estudos, a realización de actividades para a prevención de comportamentos discriminatorios nos centros, a formación do persoal docente, a divulgación desa realidade entre as ANPA e actuacións para combater o acoso e facer visibles as diversidades. Tamén contamos cun Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero (2016), onde se dan orientacións de como actuar nun centro desde a Dirección e o Dpto. de Orientación.

E para continuar formándonos podemos botar man dalgúns recursos que compartir co alumnado, quer o visionado de materiais moi didácticos como Dibujando el género, en castelá, catalán e inglés, quer de películas que recollen episodios reais como a estadounidense Boys don´t cry, ou alentar lecturas como os diferentes ensaios de Lucas Platero e, para xente máis nova, as novelas 22 segundos, ou Fóra do normal.

A diversidade é unha realidade tanxible na escola e deberíamos considerala un valor positivo; só así a escola será de certo inclusiva.

Comentarios