Opinión

As cidades e o xénero

De que xénero é a cidade? Cal é o xénero da arquitectura? Nomes femininos ambos, vistos desde sempre con ollos masculinos. A cidade, a arquitectura permanecen de xeito maioritario en mans dos homes, alleas case ao pulso real da vida. Cidades cheas de actitudes prepotentes e apresuradas, de irreflexión sobre o sentido práctico das cousas, de barreiras conscientes e inconscientes ante todo aquilo que significa acubillo, tolerancia, acollida. Cidades onde se ignora que o seu único fin é axudar a compartir a vida.

A arquitectura foi, até agora, asunto de homes. Porén, nalgúns aspectos senlleiros da mesma, como o seu uso, as mulleres participaron historicamente coa mesma intensidade que os varóns. Noutros aspectos, como o deseño ou a xestión, a súa participación é recente.

Nos aloxamentos máis primitivos, como chozas ou tendas, o papel feminino foi relevante no tecido ou trenzado dos materiais (palla, xuncos, ramas…) e no curtido de peles ou fiado da lá, e segue a selo aínda nos pobos nómades. Tamén teñen participado activamente en moitas labores complementarias da construción, como o carrexo e amoreamento de materiais (pedras, madeira, area, esterco e auga).

O mantemento dos espazos construídos é unha función que desempeñan maioritariamente as mulleres nas sociedades desenvolvidas. Son elas quen os manteñen habitables (limpeza, ventilación, vixilancia, xestión ou pequenas reparacións).

Para entender as relacións entre urbanismo, arquitectura e xénero debemos ter en conta un concepto fundamental, o patriarcado. A escritora feminista Cristina Molina (1995) exprésao da seguinte maneira: “Os principios da arquitectura non son neutrais ao xénero: o deseño do arquitectónico foi realizado fundamentalmente por varóns, atendendo ás necesidades dos varóns e os valores inherentes foron transmitidos polos varóns que dominan as escolas de arquitectura e escriben os libros de teoría arquitectónica”.

O androcentrismo da arquitectura prexudica tamén a valoración, e polo tanto a calidade, dos espazos comúns e dos espazos da vida cotiá, a prol da gran obra pública e do edificio singular.

A reconversión espacial e social ten que pasar ineludiblemente pola disolución da división sexual do traballo, é dicir, as tarefas de reprodución e coidados teñen que estar presentes no espazo público. A socialista e revolucionaria rusa Alejandra Kollontai afirmaba a comezos do S XX que cumpría reorganizar a vida cotiá, sobre novas bases colectivas, nas que o traballo doméstico e a maternidade fosen socializados e asumidos pola comunidade.

Precisamos equipamentos e infraestruturas para unha nova vida cotiá que favorezan o desenvolvemento dunha vida comunitaria máis plena: escolas, garderías, comedores públicos, centros de día etc. Equipamentos, na súa gran maioría, relacionados co traballo dos coidados.

La Carta Europea de las Mujeres en la Ciudad (1995) incide de xeito especial en  promover unha nova filosofía urbana. Daquela, a partir do deseño das cidades podemos contribuír a crear espazos seguros para toda a cidadanía pero sobre todo para as mulleres, a través de tres principios básicos como son: a visibilidade, a ruta clara e unha contorna multifuncional que garantan un control social informal en horarios de día e de noite.

Velaí uns exemplos a ter en conta: a edición en Catalunya de Dones treballant. Guía per al Reconeixement Urbà amb Perspectiva de Gènere (Casanovas et al., 2013) que pretende ser una ferramenta útil para lexitimar a participación pública na planificación urbana das mulleres; o proxecto MAGA. Mulleres Arquitectas Galegas (Carreira et al., 2011), que aborda o exercicio da arquitectura en Galicia desde unha perspectiva de xénero; o traballo de Mestrado presentado na Universidade Jaume I de Valencia de María Novas Arquitectura y género. Una reflexión teórica (2014), ou o interesante Diagnóstico do habitat e da convivencia igualitaria na cidade de Ourense (2019) de Silvia Pérez (Coord.), un modelo a seguir noutras cidades galegas se queremos conseguir un espazo urbano inclusivo, para todas e todos, construído desde a diferenza e non desde a igualdade.

Comentarios