martes 24/11/20

Androloxía: a saúde sexual importa

No preámbulo da constitución (1946) da Organización Mundial da Saúde (OMS), figura a definición de saúde como “un estado de completo benestar físico, mental e social, e non só a ausencia de afeccións ou enfermidades”. É dicir a saúde consiste nun coidado xeral do estado das persoas. Semella que para os e as responsables do Sergas e, máis en concreto, para algúns dos xerentes dos Complexos Hospitalarios das sete grandes cidades galegas, este concepto de saúde non é para ter en conta ou iso é o que transmiten as súas decisións sobre as necesidades que presentan algúns doentes da sanidade pública.

Logo de 25 anos, vén de pechar a consulta de Androloxía no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), aproveitando as “necesidades do servizo” xeradas pola Covid-19, a redución de persoal no verán e a xubilación do especialista en Uroloxía e Androloxía que conseguira comezar este servizo tan necesario en 1995, grazas á colaboración dalgúns colegas urólogos e xinecólogos.

A Androloxía é a parte da medicina encargada do estudo, exploración e investigación de calquera aspecto relacionado coa saúde sexual e reprodutiva masculina. Esta disciplina atende, entre outras doenzas, a disfunción eréctil que poden padecer os homes a partir dos 55 anos e tamén moitos mozos vítimas do uso da pornografía e do consumo excesivo de alcohol; a exaculación precoz, presente en moitos xoves nos períodos de aprendizaxe sexual; os trastornos do desexo causados, con certa frecuencia, polas situacións que se padecen en tempos de crise económica, ou a infertilidade.

Estas enfermidades foron, de sempre, pouco e mal diagnosticadas nos servizos de Uroloxía, debruzados en doenzas “máis importantes”, segundo se dicía, ata os anos 80 nos que se crean a Asociación española de Andrología e a Federación española de sociedades de Sexología. Desde entón, xurdiron as consultas desta especialidade na maioría dos centros sanitarios das grandes cidades españolas, agás en Galicia pois só se crearon na Coruña (con boa dedicación e prestixio), Pontevedra (con moitos atrancos) e Vigo (nun centro concertado). As unidades hospitalarias de Galicia, Asturias e Castela-León, as menos preocupadas neste tema, teñen como referente un centro sobresaínte como é o Hospital Universitario 12 de Octubre de Madrid; así mesmo é salientable o labor realizado pola Fundació Puigvert en Barcelona, único centro que proporciona a titulación en Androloxía, ou os avances do Hospital  Regional de Málaga, onde se creou a primeira unidade de reasignación de sexo. Hai hospitais españois que poden competir perfectamente cos seus homónimos en Europa; non así en Galicia, onde con case cen urólogos e urólogas, só contamos apenas con cinco especialistas en Androloxía. Porén, os congresos anuais da Sociedade Europea de Medicina Sexual, domiciliada en Yorkshire (Inglaterra), contan cunha asistencia de máis de 3.000 especialistas de Uroloxía, Sexoloxía ou Psicoloxía, un referente que deberíamos darlle á saúde sexual das persoas.

Os casos que son tratados nas consultas de Androloxía son máis frecuentes do que poidamos pensar, pois en moitas ocasións proceden de enfermidades asociadas como diabetes, trastornos cardio-circulatorios, hipertensión ou enfermidades mentais, e afectan de xeito importante á vida dos doentes e das súas familias; daquela, estas doenzas adoitan ter un tratamento combinado de fármacos, con atención psicolóxica e sexolóxica.

Acudir a unha consulta de Androloxía comeza a ser algo normalizado e falar de sexualidade tamén o é a cada máis; velaí o feito de que un día á semana, no CHOP de Pontevedra, chegaba a pouco para atender todos os casos. Outro avance significativo, foi a presenza cada vez máis frecuente dos dous membros da parella na devandita consulta.

En palabras do sexólogo navarro Jose Luis García: “A consulta clínica é a proba máis evidente da ausencia dunha educación sexual científica nas escolas e nas familias. O sexo provoca dor e sufrimento, cando se aborda de maneira pouco adecuada”.

comentarios