sábado 31/10/20

Unha alternativa libertaria á prostitución

A liberdade, a igualdade e o antiautoritarismo son valores do ideario ácrata; non é de estrañar, xa que logo, que no seo das organizacións libertarias xurdira con forza, alá polos anos 30 do século XX, o debate sobre a liberación das mulleres da tripla escravitude que supón a ignorancia, a explotación no traballo e, ademais, ser muller.

Seguindo o rego das ideólogas do feminismo anarquista Teresa Claramunt e Teresa Mañé, as mulleres libertarias chegaron ao convencemento de que para esa andaina precisaban dunha estrutura aparte das organizacións afíns CNT, FAI e JJLL, decisión que ocasionou máis de unha controversia cos homes e tamén con algunhas mulleres anarquistas. Sabedoras de que dentro destes colectivos a emancipación da muller ía ficar en segundo plano ("agora non toca", como acontece arestora en moitas ocasións), comezaron a se organizar de xeito autónomo. Daquela (1934), xurdiu en Barcelona o Grupo Cultural Femenino como alicerce da revista "Mujeres Libres", editada en maio de 1936 da man da escritora Lucía Sánchez Saornil, da avogada Mercedes Comaposada e da doutora Amparo Poch y Gascón. A revista, na que colaboraron personalidades como Emma Goldman ou Carmen Conde, editou 14 números, destacando tanto polo deseño vangardista, como por non ser convencional no seu contido. A súa finalidade foi capacitar ás mulleres, animándoas a que tomaran a palabra, a saír do ámbito privado e a ocupar a esfera pública.

Ao abeiro destas páxinas, que ilusionaron e animaron ás mulleres na súa loita contra o patriarcado, constituíuse a "Federación Nacional de Mujeres Libres" en plena Guerra Civil (1937), un período no que chegou a ter máis de 20.000 afiliadas e 170 Seccións locais por toda a zona republicana ata o final da contenda.

A pesar do breve paso de Federica Montseny polo goberno de Largo Caballero como Ministra de Sanidade e de Amparo Poch como Directora Xeral de Asistencia Social, foron quen de poñer en marcha ambiciosos proxectos para mellorar a vida das mulleres: unha avanzada lei do aborto, "Hogares Infantiles" que permitían o traballo das nais, comedores para embarazadas, igualdade salarial, coeducación, amor libre...e os chamados "Liberatorios de Prostitución".

"La empresa más urgente a realizar en la nueva estructura social es la de suprimir la prostitución", con estas palabras iniciaba o nº5 da revista, un chamamento a todas as organizacións femininas, sindicatos, partidos e sociedade en xeral, para colaborar con entusiasmo emancipador nesa empresa. E continuaban dicindo: "No podemos pensar en ningún tipo de justicia mientras quede en pie la mayor de las esclavitudes". Escravitude, segundo elas, provocada polo "casto noviazgo", a "sana lactancia", os "balbuceos sexuales de adolescentes de familias cristianas" ou as "canas al aire de honrados padres de familia". Máis adiante, engadían: "Ninguna farsa más de ligas y discursos contra la trata de blancas…No más sombríos conventos de arrepentidas". Fronte a estas miserentas alternativas, a decidida proposta de "Mujeres Libres" para suprimir a prostitución consistía en: "Investigación y tratamiento médico-psiquiátrico. Curación psicológica y formación ética. Orientación y capacitación profesional. Ayuda moral y material".

Para levar adiante os "Liberatorios de Prostitución", impulsaron locais axeitados para atender ás mulleres dispostas a dar este paso. Compre apuntar que, debido á guerra e para poder subsistir, aumentara a prostitución pola perda dos precarios traballos que moitas mulleres viñan desempeñando, de limpadoras e coidadoras nas casas de familias burguesas ou en negocios en devalo (perruqueiras, modistas, bordadoras...).

Ao cabo, as libertarias consideraban que nin a prohibición policial, nin a regulamentación porían fin ao comercio sexual; polo tanto, o camiño sería a educación e a capacitación das mulleres para poder desenvolver un traballo en condicións de igualdade cos homes e poder sumarse así á loita sindical no vieiro da revolución social. En conclusión, só a independencia económica daría a liberdade necesaria para acadar os demais dereitos das persoas e dos pobos.

Unha alternativa libertaria á prostitución
comentarios