Opinión

Por que votaremos por Nós, candidatura galega?

Fun militante do BNG, mesmo candidato a concelleiro fai xa algúns anos, cando era alcalde da cidade de Vigo, Lois Pérez Castrillo

Fun militante do BNG, mesmo candidato a concelleiro fai xa algúns anos, cando era alcalde da cidade de Vigo, Lois Pérez Castrillo. Logo con outros compañeiros por considerar as posicións desta organización como posibilistas, cando falaban de que non eran de esquerdas nin de dereitas -igual que agora Podemos- ou que o obxectivo quedábase en máis competencias para Galicia, decidín marcharme. Non era o meu lugar de militancia. Este posibilismo logo manifestouse no bipartito, que gobernou a Xunta de Galicia. 

Malia que as miñas posicións políticas foron máis aló do BNG, inclusive fun crítico e en moitas oportunidades moi duro, con esta organización, creo que é necesario facer algunhas consideracións, para centrar na actualidade, a nosa opinión e a nosa opción de voto. 

O BNG desde o seu fundación foi o mellor instrumento político que defendeu aos intereses nacionais e sociais de Galicia. Tanto esta organización, como os movementos sociais que impulsou como a CIG, o Sindicato Labrego, movementos culturais, ecoloxistas, mocidades, muller, etc, foron verdadeiros actores políticos que dinamizaron a nosa sociedade e intentaron vertebrar o noso país. En todo este longo proceso tamén se cometeron erros, falta de obxectivos estratéxicos, demasiado tacticismo, falta de rotación de roles, estructurais burocráticas etc. A isto hai que agregarlle o erro de suplantar e esconder a Xosé Manuel Beiras, como líder natural e recoñecido por unha banda moi importante da nosa sociedade.

Estas eleccións non serán fáciles, o sistema aposta por instalar ás candidaturas que lle son fieis ao modelo político, que se iniciou coa transición e a Constitución do 79

Malia iso as únicas voces que no Parlamento Galego claramente e de forma contundente, expresaron aos sectores máis afectados da nosa nación, foi o BNG. 

Con relación ao Parlamento español debemos sinalar tamén que o BNG foi a única voz que tivo Galicia, durante moitos anos. Os distintos parlamentarios desta formación política, que ocuparon escanos en Madrid, mantiveron unha actitude patriótica de moita dignidade, intentando visibilizar Galicia e os seus problemas. Algunhas intervencións parlamentarias foron históricas, como as de Francisco Rodríguez, que moito me recordaba a Fernando Sagaseta, o deputado comunista canario, cuxas intervencións eran demoledoras contra o sistema. 

Por iso Nova Esquerda Socialista Galega (integrante de A Esquerda) decidimos dar todo o noso apoio a Nos, Candidatura Galega. Consideramos que é a única proposta que pode representar os intereses nacionais e sociais de Galicia. A única que pode, xunto ás esquerdas rupturistas e as forzas soberanistas do resto de Estado, lograr impulsar un proceso constituinte, que permita lograr un novo modelo de Estado, que permita a constitución da República Galega.

O sistema de antemán quere premiar en Galicia ás Mareas. Alianza que carece dun programa claro para Galicia

Estas eleccións non serán fáciles, o sistema aposta por instalar ás candidaturas que lle son fieis ao modelo político, que se iniciou coa transición e a Constitución do 79. Sen ir máis lonxe un dos mentores políticos da Mareas que se presentan en Galicia, Pablo Igrexas, fai tan só uns días na Sexta TV, sinalaba que eles eran a autentica garantía da unidade de España, para agregar que non era necesario un proceso constituínte, que con algúns cambios do texto da actual constitución borbónica, era suficiente.

Como dicía o sistema de antemán quere premiar en Galicia ás Mareas. Alianza que carece dun programa claro para Galicia. Con candidatos que na maioría dos casos -salvo excepcións en Lugo-, carecen do nivel e compromiso comprobado para defender ao noso país. Con candidatos que o primeiro que farán si son elixidos, será conformar o grupo parlamentario de Podemos. Con este panorama preséntanse estas eleccións.

No BNG e fóra del, existen miles de militantes dispostos a reconstruír a esquerda patriótica

Por iso consideramos que malia os resultados ou a obtención de representantes na Cortes da monarquía, é necesaria un forte reflexión política. O día logo das eleccións debemos de repensar a construción dun novo instrumento político, con obxectivos estratéxicos claros. Como sinala Carlos Morais nun artigo xornalístico recente “Rutura e soberanía dependerán dá rua”:

“A esquerda independentista tem que perserverar na construçom a sua própria alternativa política e contribuir ao deslocamento da esquerda nacionalista face posiçons soberanistas e de ruptura democrática. Para lográ-lo é necessário manter firme o leme com audácia e generosidade, tecendo pontes de colaboraçom.” 

No BNG e fóra del, existen miles de militantes dispostos a reconstruír a esquerda patriótica. Este debe ser o desafío se queremos ser parte dos procesos rupturistas que xa se iniciaron en Cataluña e en breve terán continuidade en Euskal Herria. 

Por estas consideracións nós votaremos, por Galicia, pola esquerda, por Nos Candidatura Galega.

Comentarios