Opinión

"Que entre María Santísima!"

“Hai xente que considera as prazas das cidades un lugar privado, un sitio onde hai alguén que decide quen entra e quen non, na FM dáse o mesmo caso”. Isto foi dito pola xornalista María Nieto na presentación, xunto con Manuel Rivas, Estíbaliz Espinosa e Antón Luaces, do Manifesto Cuac Resiste polo Dereito a Comunicar no campo da leña coruñés, onde máis arriba váise a Montealto e máis abaixo ao consistorio local: un epicentro de decisións e, aínda por riba, durante un tempo praza de mercado, leña e fariña. 

Entre a leña e a protesta, María referíase a un espazo que, coma unha praza de guerra, está a ser tomado pola administración: o espazo radioeléctrico. Aquilo do funil e o transistor das mañás entre o leite, o café, o zume e as torradas, vostedes xa saben. A nosa Xunta de Galicia debe ter, máis que concepción de praza libre e aberta da FM, unha concepción de coto privado, o mesmo onde fulano de tal e mengano de tal van pescar as troitas. Un coto de caza de ondas de frecuencia modulada. E como se cazan esas ondas de radio, preguntarase? Como se apañan as frecuencias moduladas, resístense? Son de bo xantar? Hai que salgalas despois, coma o bacallau? Pois con algo máis lóxico e igual de potente que o sal: a apertura dun expediente sancionador. A causa? emitir, falar, pensar. CUAC FM, a pesar de levar solicitando licenza para emitir dende 1996, data da súa fundación, nunca tivo o visto bon da administración, que a deixou nun baleiro legal que agora decantouse pola beira do pau administrativo, unha das madeiras duras do estado. 

CUAC FM, a pesar de levar solicitando licenza para emitir dende 1996, data da súa fundación, nunca tivo o visto bon da administración

 

E zosca que dá noxo. 

No coto de caza das ondas da FM galegas leva CUAC 22 anos. Seica tamén estaba alí, xunto co resto dos pescadores do resto das emisoras comerciais e públicas, mais en vez de apañar troitas era dos que se adicaba a coidar e limpar esa praza ecolóxica e rexeneradora das ondas de radio, recollendo os plásticos e podredumes tóxicas, o lixo. Verán que é todo o contrario do que se estila nalgunhas partes do país, onde posibles candidatos electorais gravan e difunden vídeos ciscando os detritus ao río. E chámano denuncia social”. Ai, se as troitas falasen!

En vez de apañar troitas era dos que se adicaba a coidar e limpar esa praza ecolóxica e rexeneradora das ondas de radio, recollendo os plásticos e podredumes tóxicas, o lixo

 

Tras 22 anos no funil herculino, a Xunta de Galicia forzou a apretar o botón de OFF do 103.4 FM de Elviña, na Coruña. CUAC queda a día de hoxe relegada a internet e á súa aplicación móbil, emitindo as 24 horas os 7 días da semana. A apertura do expediente, resolta. Veredicto? CUAC non fixo nada delictivo, mais cómpre que permaneza en silencio para que o delitivo non se produza. Paus de cego da madeira administrativa. Dende a radio comunitaria coruñesa, aínda dende o internet limpando e dignificando a profesión da comunicación e o xornalismo, sinalan que é a Xunta quen acaba de admitir que non aplica a Lei de Comunicación Audiovisual do ano 2010, a que insta as administracións autonómicas a recoñecer e protexer ós medios do terceiro sector. Terceiro sector coma noutrora fora o Terceiro Estado, o Terceiro Estado da praza privada e o coto de caza das frecuencias moduladas.

CUAC non fixo nada delictivo, mais cómpre que permaneza en silencio para que o delitivo non se produza. Paus de cego da madeira administrativa

 

A lentitude da administración dos paus de cego. Ogallá na Xunta se escoitara un milagro bíblico, mais ben, unha conxunción de milagro e frasería popular. Deixar entrar a CUAC na FM coa licenza baixo o brazo e abrir a man a que entre todo o mundo na praza pública, incluso María Santísima!

Imaxinen o milagro celestial, as troitas do coto de pesca da FM a chimpar no río, con carraxe contestona, respondéndolle: “que entre, que entre María Santísima!”

Comentarios