Opinión

Os síntomas

Sabían que os vagalumes son indicadores naturais do que contece? Indican o humor da terra, se está saudosa pola instalación dunha fábrica de fumaredas celulosas, de augas corrosivas ou residuos tóxicos, ou se pola contra o ar é limpo e (case) puro e alí poden aniñar todas as formas de vida, incluídas estas tan minúsculas e alumeantes. Os tamén coñecidos como lucecús -en galego a palabra “vagalume” é unha das máis ricas en sinónimos, somos cultura de luces, busquen no dicionario da RAG- son o termómetro do que está a pasar, a medida das sinerxías interrelacionadas nun espazo. Cando desaparecen, algo pasa. Cando hai maioría é que nese espazo poden agromar as cousas pequenas e levedantes na noite máis inhóspita. 

Xa case non hai vagalumes. Nin nos arredores da Coruña, onde vivo. Non quedan sitios para eles, non acaban de atopar o seu lugar porque o concepto “lugar” vai sendo depredado. Van deixando de aparecer nas beiras dos regatos. Sabían que hai lugares de Galicia onde se lles coñece co nome de “vellas de…”? Vella dos valados, vella facendo as papas, vella facendo o caldo.

Nós, a nosa maneira, tamén temos vagalumes sinalantes. 

Xa case non hai vagalumes. Nin nos arredores da Coruña, onde vivo. Non quedan sitios para eles, non acaban de atopar o seu lugar porque o concepto “lugar” vai sendo depredado

 

Non os temos apresados, andan entre as liñas do discurso, entre a teoría e a práctica. Medidores da saúde dun entorno natural, dun entorno social. Na política, na res-pública, hai tamén un control sintomático das enerxías. Cando algo pasa, ule, as luces desaparecen, os sinais de que algo turbio se está a xestar polo baixo son a escuridade, a omisión da palabra -o vagalume da boca- é o espallamento do silencio. A revolta dos calados fronte a protesta dos que berran. Unha saúde política e social require desas alarmas, esa desaparición de vagalumes que conleva unha desaparición progresiva da esperanza. Pouco se está a falar do Cristo de defensa. E isto que se entenda polos dous significados. O ministerio de defensa, o ministerio levado por María Dolores de Cospedal, nunha despreocupación pola imaxe aconfesional que debería dar o estado, ordeou poñer a bandeira a media hasta pola morte de Xesús de Nazaret. E atopou de protesta o silencio dos vagalumes. É lóxico que nun estado definidido constitucionalmente como “aconfesional”, que non laico, nos matices tamén hai indicadores, se dispoña do ámbito castrense como un instrumento relixioso? Nun clima político onde son tónica diaria das cerimonias oficiais ou xuramentos a aparición dos crucifixos, a Biblia e, nun recanto, o texto constitucional, esta última decisión só é un folio máis na pila das indignacións cotiás dos que cremos nun estado liberado de toda tendencia relixiosa.

O ministerio de defensa, o ministerio levado por Cospedal, nunha despreocupación pola imaxe aconfesional que debería dar o estado, ordeou poñer a bandeira a media hasta pola morte de Xesús de Nazaret

 

A media hasta das bandeiras é só un dos moitos vagalumes alarmantes. 


Agora adoitan apagarse nos tribunais. Desaparecen as luces nun sistema xudicial que está a condenar abertamente o pensamento. Dicía o presidente do goberno Mariano Rajoy no 2017, en relación a situación do trato da oposición venezuelana por parte do goberno de Nicolás Maduro, que “non se pode encarcerar a ninguén polas súas ideas”. Concordamos, presidente, as ideas non merecen barrotes. En Catalunya estamos atendendo a un proceso xudicial onde a concepción da política no seu espazo máis teórico está a ser penada. Pensemos o que pensemos dunha vía ou outra, as ideas deben ser espazo libre de defensa, recunchos propios e compartidos onde nunca deben esmorecer os vagalumes da esperanza. Queren máis síntomas? Ollen ao Tribunal Supremo reconvertido en minuteiro da política parlamentaria.


Pouco se está a falar tamén do perigo dun baby boom que se está a aproximar á idade de xubilación e moito se está a poñer verbo dos políticos do noso estado en relación ás palabras “privatización” e “rescate individual”. O estado de todos desenténdese do común. Ante iso, salvo algúns vagalumes acesos que sinalan outros sendeiros, tamén atopamos silencio cómplice en numerosos medios de comunicación, preocupados só pola cobertura do berro e a foto-portada e non polo trasfondo, pola explicación necesaria dunha noticia, por comprender porque hai unha luz acesa que nos sinala, de moitas formas, de sinais pequenas que no conxunto son morea: “perigo, cambien de rumbo!”.

Comentarios