Opinión

Os adeuses

Existe unha deslocalización intencionada dos espazos do común. Dous dos elementos esenciais para entender a economía galega, o campo e o mar, son os novos terreos edificables onde o negocio lucrativo acaba en mans duns poucos.


Galicia é nos últimos anos o relato da despoboación. 

Contamos no noso seo con 3.600 vilas pantasma, lugares sen un só habitante. Temos Galicia parcelada de lugares calados. Pensan nese derradeiro habitante? Ante a incógnita imaxino a derradeira habitante da Galicia verde, morta na cama onde o doutor rubrica a evidencia e, quitado o corpo e pechada a casa, prepárase a subasta da vivenda e desfalece a última esperanza da Galicia non urbana, doutro modelo de sociedade.

É unha historia que se repite todos os meses en números vermellos nas gráficas oficiais do censo. 

Contamos no noso seo con 3.600 vilas pantasma, lugares sen un só habitante. Temos Galicia parcelada de lugares calados. Pensan nese derradeiro habitante?

 

O mapa poboacional de Galicia é a sombra do mapa, o que estivo e non foi e onde queda impunemente a marca do silencio. O silencio de calquera espazo conduce ao retroceso da memoria. Gran parte da memoria de Galicia, o campo e os portos, anda en proceso de esquecemento. Nas gráficas que estes días apareceron en varios medios nacionais ver o país é atender unha especie de alzheimer do lugar, un alzheimer demográfico. Levamos 25 anos de saldo negativo de poboación, das provincias onde máis vilas caladas hai destacan A Coruña e Lugo. Percorrer Galicia en calquera medio de transporte é explorar o territorio comido pola desidia administrativa dunha Xunta que se desentende do que podería ser unha vía de progreso e novo modelo; pola contra, subástanse a xesta e as silvas, a herdanza que deixamos aos que están por vir. Nas políticas económicas tamén se instala o alzheimer demográfico e creativo. 

Coa seca do ano pasado moitos encoros perderon volume de auga e deixaron ao descuberto a xeografía perdida das poboacións anegadas en nome do progreso. Volveu á superficie unha orografía psicolóxica de vilas perdidas, apareceron da auga as rúas e por elas baixaron a botar un ollo os vellos que de nenos fixeron daqueles espazos a matria da infancia, a primeira das matrias. Hoxe coma sociedade deixamos que de media cada semana queden sen xente 2 vilas. Son lugares anegados non por encoros de auga senón por encoros de desidia e abandono.


Os nosos portos tamén son lugares de deslocalización do común. 

Na última reunión da Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria -onde non se incluíu nin ao Concello da Coruña nin a Deputación Provincial- resolveuse privatizar os terreos do peirao de San Diego, uns 377.057 metros cadrados. En total os terreos do porto interior da Coruña son uns 400.000 metros cadrados. Só 89.220 metros cadrados de terreo portuario, os correspondentes á Solana, Bahía e Calvo Sotelo, veranse beneficiados de titularidade pública segundo as últimas conversas do goberno de Galicia e a Autoridade Portuaria.

Na última reunión da Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria -onde non se incluíu nin ao Concello da Coruña nin a Deputación Provincial- resolveuse privatizar os terreos do peirao de San Diego, uns 377.057 metros cadrados

 

O porto da Coruña, igual que as aldeas caladas do corazón de Galicia, foi lugar de palabras e adeuses de xeracións enteiras. Os adeuses, foto de Alberto Martí, reflicte esa despedida onde uns na liña do mar despiden os outros que marchan en barco a Sudamérica na procura do futuro. Galicia emigra hoxe de mozos e mozas, de espazos públicos, de iniciativa empresarial sostible e creativa e de posibles zonas para a cidadanía nas que se quere impor a lei do silencio especulativo.

Comentarios