Opinión

Oposicións a garrote vil.

O estado, segundo as últimas opinións vertidas nos medios de gran tirada, debería crear oposicións a garrote.


“Oposicións para manexar o garrote vil”


Un temario sinxelo, onde se defenda a eliminación de todas as defensas constitucionais do dereito a vivir, o dereito a un xuízo xusto e o dereito á liberdade. A ben seguro moitos e moitas poñerían gostosos os seus cartos en custosas academias especializadas para preparar tan novidoso e concorrido exame. Hai moita xente predisposta a ser a primeira en apretar as engranaxes do garrote nos colos de calquera sinalado polas letras dun diario, polas imaxes que nun programa de televisión preparan para ser, ao mesmo tempo, fonte de odio, fonte de frustración e campo fértil da tristura e a carraxe. Esa mesma xente estaría encantada de que todos os que pensan coma ela colleran as chaves de moitas prisións e as tiraran polo sumidoiro. Todo en nome da xustiza do odio mediático, da impotencia entendida coma escusa para o ensañamento.


Longas, inxentes colas de xente ansiosa de poder optar a esas poucas prazas que o estado sacaría nese país onde triunfou a política mediática do sinalamento, do sangue entre liñas e do odio gratuito cara a foto do xornal. Odio que moitos deses que desexarían opositar a manexar ese garrote vil redobran cando o obxectivo dese odio é unha  muller e, tamén,  dunha etnia diferente á súa. Nesas oposicións a garrote só entrarían uns poucos elexidos, pero habería moitos candidatos. Candidatos que reenvían mensaxes de odio e choro fácil polas redes sociais, candidatos que piden penas vellas e propias dun estado autoritario, candidatos que argumentan a cadena perpetua e pena de morte con posts de Facebook, candidatos que sacan o racismo e o machismo a relocer con fíos de Twitter, candidatos que piden que se converta a presunción de inocencia, por máis lonxana que fose, nun trámite innecesario. Nas oposicións ao manexo do garrote vil hai moito xuíz de barra de bar, moito predicador de tertulia de cortado con leite, moito político aproveitado e ávido de votos rápidos, moito necesitado de que lle sigan na súa corrente da ira. Nas oposicións a manexo de garrote vil haiche moito frustrado, pero iso o estado xa o ten previsto: “frustrados? déixenlles que lean un pouco o xornal ho, que xa se esquecerán!” Algunha Lei Orgánica da catarsis colectiva? Estáo a pedir o BOE!”

Nas oposicións ao manexo do garrote vil hai moito xuíz de barra de bar, moito predicador de tertulia de cortado con leite, moito político aproveitado e ávido de votos rápidos


Coas últimas noticias, noticias que encollen o corazón de calquera persoa sensible, non faltan tampouco xestos de luz. Vexo na pantalla a nai de Gabriel, o neno asasinado brutalmente e que copou a primeira plana de numerosos medios de comunicación españois. Nesa pantalla onde circulou tanta venda de sentimentos está a nai que pide que pare o odio, non berra, non sinala, só fala. E a turba de opositores a manexo de garrote vil fica calada. Algúns deles xa comezaran a preparar o temario de fotos, discursos de whatsapp e capturas de pantalla con letras en vermello detallando as perversidades dun crime que está a conmocionar a todo o estado. Moitos xornalistas (nesta profesión haiche moito opositor de garrote vil) pararon os teclados das noticias onde se sinala unha e outra vez o mecanismo do asasinato, as cancións preferidas do neno ou a evidencia do mal por ser mal en sí. Falou a nai e fíxose o silencio. 

Despois de tanto odio de turba tería que existir a metafísica da xustiza da imprenta: uns xornais que levaran en portada só iso, o silencio, o respeto. Unha páxina en branco.

comentarios