Opinión

Lesbiana!

As palabras contribúen non só a darnos significados, senón tamén a crear realidades, a facer dos devezos algo tanxible, da teoría á práctica. 


As palabras son en si microcosmos, microorganismos de trascendencia vital e global. Canto mide unha palabra? os segundos nos que tarda en ampliarse e dar lugar a outras, xermolar conciencias. Coñece o significado das palabras a directora da marabillosa obra “Elisa e Marcela”, Gena Baamonde, gañadora, xunto coas súas compañeiras Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman de 4 premios María Casares. María Casares, Vitola, Vitoliña ou María Victoria, como tamén lle gustaba que a chamaran, coñecía ben o significado das palabras, plasmou a súa vida nas palabras de Residente Privilexiada, traballou con elas na escea, viviu delas e para elas dotou de presenza física e artística que hoxe se ve homenaxeada. María Victoria metamorfoseu en Francia palabras en accións físicas e espirituais: unha definición do teatro? Ben valería. Foi nos María Casares, os premios na honra da metamorfose artística de Vitola, onde Gena Baamonde e as compañeiras de A Panadaría abriron conciencias. Nunha gala onde a presenza de autoridades foi notable, presidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Cultura incluídos, as rapazas de A Panadaría puxeron bigote, criticaron estamentos privilexiados, levaron o humor cara arriba e non cuspiron cara abaixo. Dignificaron un espazo. Baamonde repetiu varias veces a palabra “lesbiana!” e o público non quedou en silencio, aplaudiu. O público respondeu con aplausos e vítores ao xérmolo da palabra, iso tamén podería ser un feito de esperanza. 


Nos Maria Casares deste ano falouse dos presos políticos, da prohibición de libros, da censura a rapeiros, da críticas mediática e política a pregoeiros, do emprego dos tribunais de xeito arbitrario, da muller non coma xarrón senón coma auga creadora. E as da Panadaría levaron as palabras e os bigotes da reivindicación.

Gena Baamonde repetiu varias veces a palabra “lesbiana!” e o público non quedou en silencio, aplaudiu

 

Crear espazos de esperanza en actos representativos é abrir unha ventá, cando esa ventá está a aberta á audiencia (a gala foi retransmitida pola TVG e TVG 2, en diferido) esas sementes de palabras transgreden as fermosas pinturas do teatro Rosalía de Castro (outra mestra das palabras, danse de conta?) e chegan ás pantaias de milleiros de telespectadores. As verbas multiplícanse e os “lesbiana!” penetran conciencias. Gena Baamonde repetiu esta palabra, como ela dicía, para darse ata ela mesma de conta de que nun espazo aberto se podía dicir sen reparo ningún e sen vergoña, con toda a liberdade, sen medo ás diferenzas sexuais, sen medo á diversidade, á variedade a á liberdade de conciencias que outorga o verbo amar. O verbo amar merece unha cadeira propia na Real Academia Galega. 


Amar, palabras, teatro: creouse un microcosmos da conciencia no Teatro Rosalía de Castro o pasado mércores a noite. Ogallá se repita e expanda a todos os eventos do país, que non quede en liberdade tras as bambalinas. Ogallá os xérmolos de palabras cheguen a espazos de decisión, espazos públicos vitais onde a liberdade esmorece entre retroceso e retroceso. 

Comentarios