Opinión

Don´t feed the troll

É raro que nestos días de verán poña a televisión, mais nesta vaga de calor foi plausible quedar diante da pantalla cun ventilador na cara e a casa pechada para evitar o aire amarelo do bochorno. O outro día admito que non puiden mover os ollos dela, da televisión. Na miña pantalla estábanse a emitir sen reparo proclamas franquistas.

Cambiei de canle varias veces para constatar que si, que as declaracións dun portavoz da Fundación Franco nunha e as da presidenta do Movimiento por España, Pilar Martínez, noutra estaban a ser retransmitidas ao mesmo tempo en dous exitosos programas magacine das mañás. A irresponsabilidade mediática pode derivar na piratería polo share e a violencia do ráting.

Nestas dúas grandes canles estábase a dar voz e espazo de propaganda ás ideas aloxadas na memoria tramontana dun “idílico” réxime do 39, unha defensa sen complexos da ditadura franquista e os seus valores en programas onde o debate adoita ser nulo e a confrontación dialéctica e a pelexa polo ton de voz máis alto é constante. O valioso espazo que se lle outorga ao fascismo nos medios de comunicación democráticos non é gratuito, é espazo para as ideas que precisamente queren acabar con ese espazo, o do pensamento e a tolerancia.

O que escribe é dos que pensan que hai que confrontar as ideas coas ideas, mais coa responsabilidade e conciencia que debe ter todo ou toda xornalista pola defensa da liberdade, esencial para a nosa profesión e para o ecosistema democrático e aberto que defendemos como profesionais deste contrapoder. En programas onde imperan os berros o berro do fascismo sempre soará máis porque o fascismo adoita aparecer berrando, berra tan alto que apaga toda voz resistente a ela, aínda que sexa nun pequeno plató de televisión, por iso é tan importante á rebeldía da democracia, a indignación das palabras das demócratas. Está nas mans e na pericia da xornalista tratar o tema dunha maneira imparcial oun perder o control e acabar sendo involuntariamente un transmisor do racismo, o nacionalismo agresivo e o odio.

En internet, dende hai moitos anos, circula un eslógan entre os que debaten e conversan nas redes sociais, “don´t feed the troll”. Quere dicir, en poucas palabras: “non lle fagas caso nin des pé a aqueles que só buscan o dano”. Confrontar ao fascismo coas disputas cotiás dun programa de tertulias é alimentar ao troll da demagoxia, é facilitarlles aos que berran o medio máis útil para transimitir os seus bufos: as cámaras, os micros, o enfado, os xestos teatrais, as palabras violentas, as faltas de respeto. Nesos estanques nada e caza moi ben o depredador do fascismo e con el todas as ideas vencelladas ao réxime de Franco. Coa excusa da próxima exhumación dos restos do ditador por parte do goberno de España estamos a ver nas pantallas a máis e máis membros de asociacións de extrema dereita aos que se lles pide unha opinión consistente no ataque aos demais, persoas que usan os mecanismos dos medios de comunicación coma vehículo de propagación do odio e a confrontación entre persoas, algo moi útil neste tipo de ideoloxía.

Derrotar ao fascismo debe ser un camiño emprendido nos xornais, radios e televisións dende a dialéctica, a memoria e a convicción na liberdade e na fraternidade, non na tribuna operística de espazos onde o moderador ou moderadora vése incapaz de manter un mínimo de respeto mutuo entre as persoas colaboradoras. Iso é o que acaba cos extremos, o diálogo das ideas que só deixa neles, os que berran, o silencio.

Cecais sexa aínda máis preocupante ver que hai contertulios que ante estas proclamas ceden a algúns dos plantexamentos da extrema dereita ou claudiquen na defensa da memoria histórica: vése que o troll comeza a facer efecto.

Comentarios