Opinión

A Coruña e o decreto de inercia

Aló polo baby boom de finais dos 50 e dos 60, a afición do cidadán medio na Coruña era levar os seus fillos ao porto, o primeiro gume do mar. Isto ten a súa lóxica xa que o espazo do que estamos a falar é unha cidade insertada nas ondas, unha península abaneada polo ar e o sal. Deste mar viviu e aínda vive, a duras penas.

A xeración da miña nai, a mesma que berrou contra a ditadura e votou no 1978 e en adiante, puido pasear polo porto. Os seus pais levábanos dende unha temperá idade a ver os guindastres, o carbón, a forma da costa de Oleiros e Santa Cristina, as torres inmensas de almacenaxe de gasóleo ou petróleo, as dornas decoloradas e abandonadas, os transatlánticos luxosos de madeira e aceiro con nomes en inglés e os buques de pesca que sacaban no NO-DO cun ditador moi baixo vestido de branco, a pesar de que nunca fora membro da marina. Nesa época do branco e negro un dos lugares de escapada era o porto, aquí na Coruña e alén por toda Galicia. Na costa coruñesa era onde a comezos de século as mulleres que frecuentaban o entorno do Faro de Hércules preguntaban ao fareiro se dende alí se albiscaban os rañaceos de Nova York ou os ritmos cálidos de Bos Aires, alí era onde estaba o marido e, moitas das veces, a prole. O xeito de ser cosmopolita á forza, acollidos nas segundas patrias galegas na outra beira do atlántico.

Os seus pais levábanos dende unha temperá idade a ver os guindastres, o carbón, a forma da costa de Oleiros e Santa Cristina, as torres inmensas de almacenaxe de gasóleo ou petróleo

 

Unha das imaxes máis danadas da Coruña é precisamente o seu porto. Se quen pasea se achega a el, inevitablemente dará coa Avenida da Mariña, a zona que foi descrita por Cunqueiro nas palabras "ousei pensar que a luz coruñesa é a luz das cidades somerxidas".

Na Mariña, antes da especulación, pintábanse dornas, chalupas, naves con forma de noz, culler ou dente do mar. Pintábanse de cor vermella, azul, verde esmerilado ou amarelo. Na cidade de Hércules houbo xente que decidiu por decreto de inercia, un decreto moi galego, que esta zona tiña que duplicar os seus barcos brancos e desprotexer aos pequenos de cores. Falamos dunha cidade fermosa que pechou o seu porto ao acceso público e ata o século XX viviu de costas ao mar, as galerías da Mariña, hoxe reclamo turístico, foron concebidas coma meros calefactores das casas, un lugar de solaina onde nunha esquina estaban ubicados uns primitivos retretes. As “caras nobres” e afrancesadas das fincas da Mariña miran á rúa interior, a Rego de Auga.

Na Mariña, antes da especulación, pintábanse dornas, chalupas, naves con forma de noz, culler ou dente do mar. Pintábanse de cor vermella, azul, verde esmerilado ou amarelo

 

Con aquel decreto de inercia esa auga do porto globalizouse e apareceron numerosos iates de lonxitudes fantásticas. Conseguiuse a tarefa anhelada polos alcaldes do franquismo, os das gafas de sol e traxe gris. 

Hoxe a dársena semella unha Mallorca bizarra. 

Mallorca con frío, Mallorca sen alemáns, Mallorca con tempo bretón e Mallorca sen Mallorca. As chalupas, as noces de mar da infancia, as naves de pesca que pintaban no Parrote e que miña nai podía ver cun xeado na man, collida polo meu avó, quedaron illadas na beira da Dársena. Hoxe deben quedar alí 4 ou 5, ananas ante a silueta dos transatlánticos. Imaxino do que deben estar a falar mentras se deixan mover polas ondas quedas do porto. 

Xa nin tocan a campá.

Domingos Merino, falecido hai poucos días, foi exemplo de rexedor que tentou desbotar o decreto de inercia

 

Domingos Merino, falecido hai poucos días, foi exemplo de rexedor que tentou desbotar o decreto de inercia. O primeiro alcalde da Coruña democrática tivo intención de deixar de vivir do tiro de quenes se cren donos das ondas, das mareas, dos sentidos dunha cidade con tantas oportunidades e refreada unha e outra vez co afogo da especulación urbanística e o feísmo do decretazo municipal. Ese decreto estático que afea e apodrece o espírito cívico dunha cidade, coma o fume, espanta a calidade de vida de moitos en comparación cuns poucos. O mesmo Merino foi quen dixo que “A Coruña debe ser un faro para Galicia”. Darlle a volta a cidade para que deixara de dar as costas a moitos no favor duns poucos. Coruña foi evocada por moitas escritoras e escritores coma un xeito de “Barcelona atlántica” con mirada ao mar e un enfoque de cultura, realización de Galicia e guía para o resto do país.


Domingos Merino durou 2 anos na butaca de alcalde da Coruña, no 1981 foi botado do pazo de Maria Pita tras unha moción de censura da UCD. A Coruña do jazz, o cosmopolitismo, os aires atlánticos, a do Amor e Desamor poético, volveu á rúa. Pechouse o porto, cambiáronse as dornas de cores por iates brancos, bateuse con forza no modernismo e na ilustración dos edificios do barrio da Peixería. 

O perigo de servidores públicos con decretos de inercia.

Comentarios