Opinión

Confetti na embaixada

A carraxe invade a quen escribe isto. Unha mestura de vergoña e carraxe. 

Só a carraxe pode explicar a sensación de impotencia ante as imaxes que chegan dende Palestina, dende unha fronteira inexistente que dende 1948 empequenece o estado palestino e agranda Israel cunha liña de cadáveres no mapa.

Di o escritor Manuel Rivas que un dos oficios máis antigos da humanidade é mirar cara outro lado. Esta semana todo o mundo virou a cabeza nunha inclinación fatídica que gardará a historia no seu glosario de traxedias silenciadas. Como reacciona o xornalista ante a pasividade das cabezas?


Os Estados Unidos de Donald Trump, os que levan a Cúpula de Ferro antimisís coma estandarte político -o Casco de Bismarck está orgulloso- decidiron empregar o método do gas inflamable contra o lume e prender o miúdo, pobre e xa per se debilitado cosmos de verde que se logrou debuxar no conflicto entre Palestina e Israel, coa ruptura do pacto antinuclear con Irán. Deseguido disto Irán ataca obxectivos nos Altos do Golán ocupados polo Estado Hebreo e Israel responde bombardeando posicións iranís en territorio sirio. Siria, como xa fora España no século pasado, é un campo de batalla internacional onde no seo dunha guerra civil de 7 anos dispútanse as mordeduras do mundo. 

Siria como país exorcizador do ser humano máis violento, descarnado e falto de calquera principio. As imaxes dos mortos diarios provocan indignación, na indignación a carraxe e nela a vergoña: na vergoña hai un principio de ruptura. Ter carraxe contra isto é rachar contra todo un sistema de depredación e brutalidade no que se fai confetti coas leis e tratados internacionais. Embaixo da festa do confetti, xeracións enteiras de avós, pais, nais e fillos que desaparecen na guerra civil.

As imaxes dos mortos diarios provocan indignación, na indignación a carraxe e nela a vergoña: na vergoña hai un principio de ruptura


Mentres tanto, no día da catástrofe, na nakbah palestina, abríronse confetti e sorrisos na nova embaixada norteamericana de Xerusalén. Mentres o exército hebreo aniquilaba a disparos os manifestantes no territorio ocupado de Gaza, a filla de Donald Trump e o seu marido descorrían as cortinaxes da praca do novo edificio oficial que serve de selo para que, nun dos puntos quentes do mundo, Estados Unidos faga honra da política da autodestrución. A desvergoña adoita a aparecer cun grande aplauso. Hai aplausos cómplices. 

Europa, na súa autodestrución das ideas e o seu interese por movementos persoalistas, desenténdese e mira cara outro lado. As protestas palestinas no gume da vergoña, na fronteira, son diarias. As mortes, os ataques, as vexacións das forzas israelíes, son feitos que se levan denunciando ante as Nacións Unidas ano tras ano. 

Pero que non paren nin o confeti, nin os apalusos ni o estrondo imposible que provoca o virar mundial das cabezas.

comentarios