Opinión

Canta vergoña máis?

Criamos que o fascismo morrera co estourido da esvástica na liberación de Nüremberg polas tropas aliadas. Criamos que se rompera en mil anacos despos de que os discursos histriónicos do odio e a polarización da Grande Depresión deran paso á reunificación europea e a unión da decencia, o europeísmo, a concordia e a paz. Demos ao fascismo por morto cando liscaran das páxinas dos xornais europeos de grande tiraxe as rapazas de trenzado loiro con cruces gamadas no peito e os rapaces uniformados de camisas azuis, negras ou pardas. Na fin desta Segunda Grande Depresión o discurso da “fin da historia” de Fukuyama é papel mollado. A historia quere avanzar máis hai moitos que se empeñan en facela retroceder a frenazos. 

Hoxe non pode existir boca con conciencia —esa boca fiada á intelixencia eficaz, aquela conxunción morfolóxica e ética da marabilla camusiana— que non replique con abraio e vergoña o pesadelo deste fascismo melancólico, basto e asoballador que recolle coas mans a pobreza para convertila en arma arroxadiza contra pateras, exiliados, migrantes e propios ou alleos das circunvalacións do mundo. Falo do fascismo melancólico que gañou as eleccións en Brasil e ameaza con dar titulares nas próximas eleccións europeas do 2019.

Bolsonaro, Trump, Le Pen, Salvini, Putin, Orbán, Farage… as veas do mesmo circuito de cortocircuíto neuronal. Unha nova fronte cínico-agresiva arribou hai escasos días ao último dos parlamentos federais (landers) de Alemaña que lles faltaba, provocando espanto na CDU que xa perdeu a Angela Merkel coma futura líder despois do 2021, cando remate a súa lexislatura e, segundo as últimas declaracións, a súa vida política. Non é un caso alemán, non é un caso brasileiro, é un caso de descrédito internacional e de peste autoritaria.

Hoxe non pode existir boca con conciencia —esa boca fiada á intelixencia eficaz, aquela conxunción morfolóxica e ética da marabilla camusiana— que non replique con abraio e vergoña o pesadelo deste fascismo melancólico, basto e asoballador


Os que poñen o nome da patria por riba do da xustiza falan verbo da realidade a través de fake news e redes sociais, predican na praza e berran alto. O fascismo sempre quererá berrar máis alto as mentiras e o odio. 

Hai unha real e crecente ameaza de autoritarismo sobre as nosas democracias. As e os demócratas, dende a prensa, a rúa, a política, dende o espazo da liberdade, debemos facer da conciencia acción e da virtude da escoita reflexión e moita autorítica cara adiante. 

Bolsonaro non é un fito aillado, é outro síntoma da desmemoria voluntaria e da baixada aos infernos das conciencias que representan ao mundo. A esperanza da liberdade debe ser fornecida con responsabilidade e visión panorámica, co feito da unión e a revolución que é en si mesmo o entendemento dos comúns. En relación con isto último, reuniranse o 30 de novembro o demócrata estadounidense Bernie Sanders e o ex-ministro de finanzas grego Yanis Varoufakis para entablar conversacións arredor da creación dunha Internacional Progresista. Cecais comeza a haber acción.

Comentarios