Opinión

Buf!

Hai un xesto de pasividade universal que contén sen necesidade de palabra algunha unha sinceira desafección: o bufido. 

Non me refiro ao bufido simpático dun ourizo nocturno senón ao bufido humano, a bafarada de aire exprimida polos dous beizos acompañada do xesto da cabeza virada e a mirada perdida. 


Hai xente que fai política bufando. No pasado encontro do G7 Donald Trump asemella estar bufando permanentemente. Collan calquera foto da prensa, o home non quere estar alí. Eu quedeime con esta de aquí. Donald preferiría estar noutro lugar, móbil en man, twitteando sobre os programas mañaneiros de EEUU nos que venden unha minprimer e onde o poñen a caer dun burro. Donald abúrrese. A Donald non lle interesa nada do que se está a falar alí máis do tempo que perde escoitando o ecoar da súa propia voz. É unha das característica do bufo, que cando un o fai dalgún xeito expresa que querería estar noutro lugar, é un mecanismo de desfogue orgánico-sentimental. 

G7 Trump

Na política do bufido o Donald queda sentado ao carón dunha mesa mentres os demais líderes políticos de Xapón, Inglaterra, Francia, Alemaña, Canadá e demais están de pé, ao xeito dun cadro renacentista, mirando ao home loiro que con faz desafiante olla a unha Angela Merkel coa mirada dunha mestra á borde da desesperación diante do alumno faltón. A foto de Jesco Denzel para Associated Press está dando a volta ao mundo e con ela o bufido de Donald xa é marca rexistrada da política exterior norteamericana, mais non é o único que bufa. Donald tamén bufa nos cento e pico caracteres dos chíos de Twitter, bufa sobre o acordo nuclear, Europa, o comercio internacional e sobre calquera cousa do briefing incendiario que copa a mesa do despacho oval.

Na política do bufido o Donald queda sentado ao carón dunha mesa mentres os demais líderes políticos de Xapón, Inglaterra, Francia, Alemaña, Canadá e demais están de pé, ao xeito dun cadro renacentista

 

Eu escoito bufidos cada vez que alguén fala da crise migratoria. 

Na política española até uns días imperaba o bufido coma alocución española no altofalante Europeo. Escoitar un tema tras outro e a súa réplica producía no espectador cansazo: Inmigrantes? Buf. Catalunya? Buf. Crise territorial? Buf. Enerxías limpas e eliminar o imposto ao sol? Buf. Corrupción? Buf, buf! Dimitir? Buf. Os últimos anos en España poden ser resumidos nunha gran onomatopeia. 


No momento de escribir isto hai 600 inmigrantes nunha embarcación varada no medio do mar Mediterráneo, o Acuarius,  porque o novo goberno italiano non lle permite desembarcar no país. España ofrécese a recollelos, dende Moncloa ata as comunidades e os concellos repártese unha especie de xeito diferente, da onomatopeia á axuda e dela á esperanza de vida para 600 almas no mar. Por un momento parecía que o barco non podía achegarse a España, éralle -disque- técnicamente imposible no seu estado. No momento de redactar isto o xornalista cre ouvir dende Italia ata Bruxelas un inmenso e abotargante buf!

Comentarios