Opinión

Así implosiona o Marianismo

O fin de Mariano Rajoy non se materializa no Congreso dos Deputados, dáse nun restaurante. Mentres no Parlamento español cada verba das señorías partícipes do sí á moción de censura apuntalaban o presidente do goberno no fin da súa carreira política, o xefe do executivo asistía á súa caída no reservado dun elegante restaurante ao carón da Porta de Alcalá madrileña.

Mariano Rajoy desaparece entre o vaso, o prato e os cubertos. 

O Marianismo remata nun auto de fe-harakiri: sen Mariano Rajoy. A ausencia do presidente do goberno e da maioría do executivo popular nesta moción de censura reflicte estos últimos seis anos de vida política do Partido Popular, a doutrina da ausencia, a doutrina do baleiro ou a doutrina de levar e espallar a desidia e o baleiro a calquera recuncho da vida social e pública. O baleiro social implica a criminalización de toda aquela idea opositora, o baleirado dun debate que esta quinta feira comezou a mostrar gromos verdes na cámara. Cando os representantes do grupo mixto, en maior ou menor medida, condenaban o PP por unha corrupción deshonrosa e por parte do resto das dereitas pedíase eleccións e das esquerdas o permiso a Sánchez para a formación dun goberno transitorio, o señor Rajoy debía andar no segundo prato. Cando Pablo Iglesias, Alberto Garzón, Lucía Martín e Miguel Anxo Fernán Vello invocaban á república federal e Pedro Sánchez ao diálogo e á decencia institucional, o señor Rajoy andaba pola sobremesa. A sobremesa duroulle máis de sete horas. 

O Marianismo remata nun auto de fe-harakiri: sen Mariano Rajoy.


O Marianismo remata por todo o alto: sen réplica, agardando, en silencio, co xesto esquivo dos deputados e deputadas que aguantaron a brétema na bancada da dereita. Un Pedro Sánchez presidenciable non podía agardar mellor augurio presidencial que a falta de oposición dun goberno que xa se sabe oposición.


Mariano Rajoy implosionou en silencio, como mellor sabe facer: sen facer nada. A Apoteose Mariana Final. 

Ou se cadra facéndoo pero coa apariencia de que el non fai nada. O Marianismo inmolouse no Parlamento sen contestar, cunha inicial atitude de reto pola mañá do que non volveu asomarse pola cámara nas seis horas restantes de debate pola tarde. Ata no seu defenestramento coma Presidente do Goberno Rajoy alude ao recurso de quedar parado e deixar as cousas pasar. O seu escano tivo coma ocupante o bolso de Soraya Sáenz de Santamaría. 


Cos escanos do partido do goberno en proceso de baleirado, cunha bancada popular en ferida aberta, coa oposición en man tendida pero vixiante a un Pedro Sánchez reforzado, mais vixiado e condicionado, péchase no reservado da política este saínte presidente do goberno de España, o Rajoy que non quixo asistir á caída de Mariano Rajoy.


 

Comentarios