Opinión

Somos emigrantes, non defraudadores

Do mesmo xeito que falamos dunha Galiza urbana, rural ou mariñeira convén lembrar que existe a Galiza emigrante, un eido frutífero non só no económico e no social, senón tamén nos seus aspectos históricos, xa que logo, esta Galiza de aquén e máis de alén adoitamos desdobrala en epígrafes como Galiza exterior ou territorial, segunda xeración, retornados… 

Do mesmo xeito que falamos dunha Galiza urbana, rural ou mariñeira convén lembrar que existe a Galiza emigrante, un eido frutífero non só no económico e no social, senón tamén nos seus aspectos históricos, xa que logo, esta Galiza de aquén e máis de alén adoitamos desdobrala en epígrafes como Galiza exterior ou territorial, segunda xeración, retornados… Todas estas denominacións acuñadas por historiadores ou estudosos do fenómeno migratorio galego me resultan familiares. Eu, nado na Galiza exterior, fillo de emigrantes primeiro e de retornados despois, non podo calar ante o atropelo que a Axencia Tributaria española está a cometer cos emigrantes retornados que perciben pensións de xubilación doutros estados.

"Fillo de emigrantes primeiro e de retornados despois, non podo calar ante o atropelo que a Axencia Tributaria española está a cometer cos emigrantes retornados"

Os mesmos cidadáns que se viron obrigados a deixar a súa terra, os mesmos que enviaron divisas para mercar os primeiros electrodomésticos que se viron nas aldeas galegas, os mesmos que axudaron aos familiares de aquí a mercar casas e leiras para liberalos dun sistema feudocaciquil, eses mesmos galegos, que agora, con setenta, oitenta ou noventa anos, moran na terra que amaron e soñaron dende a emigración, eses mesmos! son agora tratados como defraudadores fiscais, como vulgares delincuentes, cando o que fixeron durante toda a súa vida profesional foi investir –diñeiro, ideas e proxectos- no seu país.

A campaña recadadora que a Axencia Tributaria está a perpetrar, baséase nunha lei do ano 2006, a cal, curiosamente, non foi presentada en sociedade até o ano en curso, para deste xeito, poder aplicar o carácter retroactivo e máis os intereses de demora ás vítimas das sancións. Sancións que están a desacougar e empobrecer a milleiros de emigrantes retornados en Galiza e no resto do Estado.

Descoñecemento e desinformación foron cómplices necesarios da Axencia Tributaria para artellar esta operación de depredación;  inxusta, aleivosa e miserábel.

Por todo isto, decidín sumarme a un proxecto xurdido da indignación e da carraxe de moitos emigrantes, fillos de emigrantes e cidadáns solidarios dispostos a deter este atropelo, trátase do Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, o cal, agrupa non só aos afectados actuais, senón aos susceptíbeis de selo pola súa condición de retornados. Lembremos que xa chegaron moitas notificacións con expedientes sancionadores, mais a meirande parte delas aínda están por chegar.

"Non ás sancións, non aos intereses de demora, non ao carácter retroactivo destes expedientes e devolución do diñeiro aos retornados"

A mensaxe e obxectivos deste recén nado colectivo son claros: Non ás sancións, non aos intereses de demora, non ao carácter retroactivo destes expedientes e devolución do diñeiro aos retornados que xa regularizaron a súa situación. 

Cómpre salientar que este berro de loita e esperanza non só se está a escoitar na Mariña, comarcas de toda Galiza contan xa con plataformas de afectados dispostas a mobilizarse, a facerse escoitar en plenos e parlamentos, a defender a dignidade dos nosos emigrantes e a non deterse até conseguir os devanditos obxectivos.

Fica claro que até que non se modifique a lei que atinxe aos retornados, non recibirán un trato xusto por parte da Axencia Tributaria, e digo xusto, non privilexiado, como veñen de recibir quen se acolleron á amnistía fiscal, unha norma feita á carta para defraudadores e evasores profesionais… Que peculiar é o concepto de legalidade que nos demostra o Estado español.

LIONEL REXES


[email protected]

Comentarios