Opinión

Emigrantes retornados e agravios comparativos

Xa temos falado dende estas páxinas do esperpéntico acoso que están a sufrir por parte do Estado español milleiros de emigrantes retornados que perciben pensións de xubilación de varios estados, xa temos falado do escurantismo que sementou a Axencia Tributaria ao redor da lexislación vinculada a este sector para poder tratar como defraudadores os retornados da Emigración Galega, si, con maiúsculas, porque a emigración é un capítulo -non pechado- da Historia da Galiza, un capítulo cuns protagonistas aos que na actualidade o Estado español está a espoliar as ganancias que conqueriron na Suíza, na Alemaña, nos Países Baixos, no Reino Unido… cunha arteira estratexia máis propia dun illado país tiránico ca dun pretendido estado de dereito. As vítimas do devandito espolio son os anciáns que noutrora trouxeron -amais de divisas e investimentos-  modernidade, ideas anovadas e oxíxeno democrático á sociedade galega. 

"Facenda está a cebarse no sector máis feble da sociedade, os anciáns. Está a cebarse cos emigrantes retornados, uns xubilados que tiveron que vivir boa parte da súa vida fóra do seu país".

Mais do que non temos falado aínda é do agravio comparativo que pode albiscar calquera que coñeza uns poucos datos económicos do seguinte teor: Os clubes de fútbol deben aproximadamente entre 700 e 800 millóns de euros á Facenda estatal, iso, sen computar os datos dos clubes que non están constituídos como sociedades anónimas deportivas, que veñen sendo os coñecidos como grandes equipos, verdadeiras niñadas de defraudadores, quen por certo, son tratados con luva de seda pola Axencia Tributaria, malia a repercusión mediática que poidan ter os seus arranxos de contas. 

Que presión reciben por parte do fisco as devanditas entidades deportivas? Están acosándoos acotío con notificacións? Sei que son preguntas con respostas implícitas, mais nesas respostas que todos coñecemos tamén vai implícito o agravio comparativo. Facenda está a cebarse no sector máis feble da sociedade, os anciáns. Está a cebarse cos emigrantes retornados, uns xubilados que tiveron que vivir boa parte da súa vida fóra do seu país.

Eles desbotaron a submisión e máis a secular resignación dun pobo aferrollado, por iso, agora nós, a colleita daquela diáspora transformadora, temos a obriga de defendelos, de protexelos da rapina coa que pretende subxugalos –abeirado nunha lei raposeira- o mesmo Estado que na súa mocidade os botou a traballar polo mundo adiante.

"Non é de estrañar que moitos estean a cismar na posibilidade de volver aos lugares nos que foron  tratados como auténticos cidadáns e non como presas doadas de estafar".

O obxectivo da Axencia Tributaria non é facer cumprir a lei, se non faríao con todos: coas entidades deportivas, cos que se ocultan tras as SICAV ou cos evasores de capitais aos que lles puxo alfombra vermella para que regularizasen a súa irregular situación fiscal. O obxectivo é meramente recadatorio. E as formas, o fondo e o xeito son miserábeis, non é un adxectivo gratuíto, é a definición perfecta para unha administración pública que está a converter en normal a anomalía (indultar de facto os grandes defraudadores) e en defraudadores á xente de ben, neste caso, os nosos emigrantes.

Non é de estrañar que moitos deles estean a cismar na posibilidade de volver aos lugares nos que foron  tratados como auténticos cidadáns e non como presas doadas de estafar.

Membro da Xestora do COLECTIVO DE EMIGRANTES RETORNADOS DA MARIÑA
[email protected]

Comentarios