Opinión

Vaia, vaia… e aquí SI hai praia!

Comeza a tempada estival e os concellos galegos preparámonos para competir polos tan ansiados servizos de socorrismo, que garantan a seguridade necesaria a todas as persoas que enchen as nosas praias durante os meses de verán. Neste sentido, dotar de persoal necesario a este servizo tense convertido en todo un reto para moitas vilas, especialmente para aquelas emprazadas na costa.

Até o ano 2012, as persoas que exercían de socorristas no verán, adoitaban ser estudantes que traballaban para dispor dos seus propios recursos durante as vacacións escolares. Nese ano a normativa para exercer o socorrismo mudou, esixindo unha maior profesionalización do sector, a unha proposta a priori positiva, máis que na práctica, reduciu considerablemente o número de persoas tituladas, ao ser escasos o número de cursos impartidos desde o ámbito público e ser excesivamente caro a acceso á titulación pola vía privada, por ser difícil de amortizar o seu custo cando só se traballa tres meses ao ano.

A lexislación estatal en materia de Costas estabelece que os concellos somos os responsables de velar pola seguridade nas praias, iso si, non se ten en conta a nosa capacidade económica, nin o número de praias no reparto da Participación dos Ingresos do Estado (PIE), polo tanto, non temos financiamento estable para a prestación deste servizo, dependendo en grande medida de subvencións do goberno Galego que cobren parcialmente o custe e tendo que asumir os municipios con fondos propios unha parte importante do valor do servizo.

Este ano, por primeira vez, a orde de subvención convocada pola Xunta de Galiza o 31 de maio, contempla a posibilidade de financiar a externalización do servizo, ata o de agora só se permitía a modalidade da contratación directa do persoal. Por outra banda, a contratación directa do persoal aínda estando vencellada ao fomento do emprego, normalmente supón informes de reparo que as Alcaldías debemos de resolver. Polo que todo parece apuntar que nos próximos anos a tendencia será á externalización do servizo, co que isto supón.

Os concellos galegos debemos definir diante desta situación liñas de actuación para facer fronte ao problema que se nos presenta, máis alá de competir entre nós polas persoas socorristas ou queixarnos polas dificultades para financiar este servizo. Nesta liña, algunhas iniciativas impulsadas desde o ámbito local nos últimos anos teñen rexistrado resultados positivos e podería ser de interese a súa exportación a outras localidades.

Un exemplo disto son os cursos de formación de socorrismo, organizados este ano polo Concello de Moaña tras homologar o seu centro ocupacional e conseguir unha subvención do goberno galego, o que permitiu formar e titular 15 socorristas en espazos acuáticos naturais e  outros 15 en instalacións acuáticas.

Os concellos podemos e debemos pasar á acción, tomar as rendas da situación e solicitar conxuntamente ao Goberno galego medidas que permitan resolver este déficit de socorristas. Unha delas sería promover e financiar cursos de formación para socorristas nos concellos e nas áreas universitarias, achegando así o acceso á titulación por parte da xente moza, independentemente da súa zona de residencia.

Outra proposta chave sería demandar á Xunta da Galiza a creación dunha bolsa de socorristas a nivel galego, da que poidamos tirar os concellos, similar á existente para os auxiliares de policía local, o que simplificaría os procesos de selección e contratación do persoal. Na mesma liña, debe garantirse un financiamento estable destinado á cobertura municipal do servizo de salvamento en praias, esixindo ao Goberno do Estado unha mellora do reparto de fondos aos concellos galegos, xa que non se ten en conta a nosa realidade xeográfica nin poboacional.

Comentarios