Opinión

Morto o can…

Non teño dúbida algunha de que os motivos que levaron ao Goberno a instar a repatriación dos relixiosos infectados de ébola foron políticos e non sanitarios.

Non teño dúbida algunha de que os motivos que levaron ao Goberno a instar a repatriación dos relixiosos infectados de ébola foron políticos e non sanitarios. De seren sanitarios, o Hospital Carlos III contaría co equipamento necesario e os profesionais que alí traballan coa formación requirida para tratar unha enfermidade que ten unha taxa de letalidade de ata o 90%, según a OMS. Aínda así, o Goberno insiste en que estamos perante unha enfermidade de difícil contaxio, que non existe maior perigo, que todo está controlado. Similar xeito de proceder sucedeu cos famosos “hilitos de plastilina” aos que apelou Mariano Rajoy no 2002, na esfera do desastre do Prestige (daquela ministro), cando o certo era que, en realidade, eses “hilitos” eran 125 toneladas de fuel diarias que arrasaron o noso ecosistema. Hoxe, Mariano Rajoy é Presidente do Goberno.

"Pregúntome que sucedería se existise esa mesma resposta, tan rotunda e unánime, cada vez que unha muller é asasinada por violencia machista".

Nun Estado no que as urnas son un chiste e as responsabilidades políticas unha utopía, todo apunta a que a auxiliar contaxiada polo virus vai ser quen as asuma, por substitución, como ven sendo habitual nos últimos anos cando ten lugar un desastre de grandes magnitudes (recordemos o caso do maquinista do Alvia). 

Cousa distinta é o que sucedeu con Excalibur, o can da auxiliar infectada. As autoridades fixeron súa a expresión “muerto el perro, se acabó la rabia”, sacrificando o animal pola brava, sen nin sequera ter a certeza do seu contaxio. Agora ben, a resposta social, tanto nas redes sociais coma na rúa, paréceme abraiante e ata un pouco descontrolada. Sobre todo porque existe agravio comparativo. Pregúntome que sucedería se existise esa mesma resposta, tan rotunda e unánime, cada vez que unha muller é asasinada por violencia machista. Pregúntome por que nestes casos sempre impera o silencio, tanto nos medios como na rúa. Pregúntome que falla nesta sociedade, que se volca con Excalibur, pero que deixa ás mulleres mangadas, coma cadelas vagabundas, un día si e outro tamén. Chámenme demagoga, se queren. Pero polo ben do Estado de Dereito, que está en caída libre, e de todos e todas nós, reaccionen. Na rúa e nas urnas.

Comentarios